Santiago activa o 2 de novembro o seu servizo de notificacións electrónicas

mércores, 28 de outubro do 2020 S. P.

O Concello de Santiago de Compostela porá en marcha en novembro o seu servizo de notificacións electrónicas. Trátase, en palabras da concelleira de Economía, Marta Abal, “dun sistema seguro, cómodo e eficaz que substituirá, para os colectivos obrigados legalmente e para quen así o elixa, a notificación en papel por correo postal”.
Segundo engadiu, a este sistema poderán acollerse “as persoas xurídicas que se relacionen co Concello e as persoas físicas que así o desexen.
Entrará en funcionamento o luns 2 de novembro. A partir dese día todas as notificacións que a Administración local dirixa aos obrigados legais faranse por medios electrónicos. Amais, serán postas ao dispor do interesado no apartado privado de notificacións electrónicas, ao que poderá acceder mediante un certificado dixital dos admitidos pola sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela ou mediante Cl@ve.
A notificación electrónica entenderase producida no momento en que o cidadán poida acceder ao contido do acto notificado, ou ben, se este acceso non se efectúa, unha vez transcorra o prazo de 10 días naturais desde que está posta ao seu dispor.
O Concello enviará un aviso ao enderezo de correo electrónico do interesado para comunicar que dispón dunha notificación na sede electrónica. Para iso, solicitará unha dirección de e-mail para o envío de avisos, que unicamente terán efectos informativos. Así mesmo, unha vez posta en funcionamento a sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela, na sección de notificacións electrónicas poderá comunicarse o enderezo no que se quere recibir os avisos.

PUBLICIDADE