Santiago activa o luns o servizo é-Bici USC coa súa aplicación móbil correspondente

venres, 12 de abril do 2024 S. P.

Este luns 15 de abril empezará a funcionar en Santiago o servizo é-Bici USC, un programa piloto de préstamo de bicicletas eléctricas impulsado pola xerencia da Universidade de Santiago, en colaboración coa Concellaría de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais. O obxectivo é “mellorar a comunicación entre os campus, apostando por unha mobilidade máis limpa e uns modos de vida máis saudábeis”. O servizo virá acompañado dunha aplicación móbil de doado emprego.
Foi dada a coñecer pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, o reitor da USC, Antonio López, o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, o xerente da Universidade, Javier Ferreira, e o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, que presentaron o proxecto nun acto que tivo lugar ao carón da Facultade de Ciencias da Comunicación.
A rexedora mostrou a súa satisfacción "por poder colaborar coa USC nun proxecto que aposta pola mobilidade sustentábel e no que xa se leva traballando moito tempo, e que ademais está dirixido especialmente á poboación nova que xa está concienciada co problema do ambiente e coa necesidade de utilizar transportes alternativos".
O programa é-Bici USC bota a andar con vinte bicicletas, que estarán a disposición da comunidade universitaria desde as 8.00 ata as 20.30 horas. Haberá catro estacións de cadeado e carga, situadas na facultade de Filoloxía, a facultade de Odontoloxía, a biblioteca Concepción Arenal e o Aulario Novoa Santos, ao carón do Hospital Clínico. As persoas que queiran utilizar as bicicletas poden rexistrarse nunha aplicación, usc-mobile.discomon.eu/home, na que tamén se pode consultar cantas bicicletas hai dispoñíbeis en cada parada, informar de incidencias e consultar toda a información sobre o programa de préstamo. Tal e como explicou o reitor, "nos próximos meses testarase o funcionamento do sistema, a súa demanda real e as formas de uso das bicicletas, para logo adaptar o servizo á demanda real da comunidade universitaria". A partir de aí, sinalou Antonio López, estudarase a posibilidade de ampliar o servizo, en colaboración co Concello.

O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, explicou que a colaboración do seu departamento coa USC neste proxecto consistiu no subministro de seis bicicletas, catro delas eléctricas, e na sinalización do percorrido prioritario para as usuarias. En concreto, realizáronse traballos de pintado para indicar a prioridade ciclista e os límites de velocidade de 20 e 30 quilómetros/hora, segundo a zona, e instaláronse tamén 30 sinais verticais de preferencia ciclista.