Santiago de Compostela permitirá usar os smartphones a xeito de parquímetros

venres, 12 de xullo do 2013 Marcus Fernández

O concelleiro de Mobilidade de Santiago de Compostela, Luís Bello, acompañado polo presidente do Grupo Setex, Jaime López Aguilar, presentou en rolda de prensa a aplicación móbil e-Park, que entrará en funcionamento a semana que vén e facilitará o estacionamento na cidade compostelá trasladando os parquímetros instalados na rúa aos smartphones, contando inicialmente con versións para iOS e para Android, para chegar máis adiante a Firefox OS, BlackBerry e Windows Phone.
A aplicación de balde e-Park permite o uso das zonas de estacionamento restrinxido por horas sen ter que levar moedas, podendo alongar o tempo de estacionamento sen ter que volver ao coche, recibindo un recordatorio cando estea preto o tempo de expiración do estacionamento autorizado, permitindo anular denuncias dende o móbil e incluso coa posibilidade de poder estacionar de balde grazas a unha funcionalidade social que permite capturar os tickets en vigor cando xa non son precisos.
Este sistema de parquímetro persoal comezará a operar durante a semana que vén tanto en Santiago de Compostela como en Marbella, e para o seu uso teremos que rexistrar na aplicación móbil os números de matrícula dos nosos vehículos e haberá que recargar a nosa conta de usuario con saldo (mediante tarxeta bancaria), aparecendo a cantidade que teñamos na nosa conta en cor vermella cando baixe dos 5 euros para lembrarnos a necesidade de volver a recargar.

PUBLICIDADE