Santiago destaca en Alcalá de Henares os seus avances en turismo intelixente
mércores, 19 de outubro do 2022
Santiago
fixo balance este outubro dos avances turísticos do proxecto para
converter a capital de Galicia nunha Cidade Intelixente, o proxecto
Smartiago. O
balance foi achegado polo concelleiro de Presidencia, Turismo e
Relacións Institucionais, Sindo Guinarte, na súa intervención
no Congreso de Datos e Intelixencia Artificial no Sector Turístico,
en Alcalá de Henares, un foro no que participan especialistas de
cidades de toda España compartindo achados en materia de innovación
e transformación.
Guinarte
dixo que “Smartiago, no apartado de mobilidade intelixente,
experimenta coa Intelixencia Artificial a través de sensores
instalados no mobiliario urbano para compilar datos que mediante
algoritmos, sirvan para previr aglomeracións de persoas, ou prever
itinerarios alternativos”.
Amais,
sinalou Santiago destaca “pola recuperación do turismo
internacional”. Neste momento, engadiu, o número de estadías
hostaleiras de estranxeiros está por riba das nacionais, cos
turistas de Norteamérica e de Alemaña a cabeza, “o que diferenza
a Compostela doutras cidades patrimonio”. Sindo Guinarte tamén
resaltou como a capital de Galicia, a través “dos excelentes datos
do Aeroporto Rosalía de Castro”, unido á celebración do Ano
Santo, está conseguindo alongar a tempada turística e contribuír a
un dos obxectivos da Concellería: a desestacionalización turística.
Outros
puntos tratados foron a utilización de tecnoloxías avanzadas no
ámbito da sinaléctica, que permiten mellorar a experiencia
turística, como pode ser a reconstrución de espazos de xeito
virtual, ou a posibilidade de coñecer virtualmente a evolución do
patrimonio arquitectónico.