Santiago e a UCGAL organizan unha xincana virtual para fomentar a economía circular

venres, 21 de outubro do 2022 S. P.

O Concello de Santiago e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) van poñer en marcha dúas novas actividades dirixidas ao público infantil e xuvenil para o fomento da economía circular e dos hábitos sustentábeis de consumo. Unha destas actividades será unha xincana virtual e a outra un concerto (Compost_Ela Miúda). Encádranse no proxecto #EuCompost_ela. Nas súas accións porase o foco en divulgar os usos e posibilidades que ofrece o colector marrón para materia orgánica.
Respecto da xincana, desenvólvese baixo o epígrafe Conecta coa Economía Circular e está dirixida a rapaces e rapazas que cursen a ESO nalgún dos centros educativos do concello. Esta xincana realizarase a través dun espazo virtual eucompostela.gal e a participación na mesma é gratuíta. O obxectivo desta iniciativa é “poñer a proba o coñecemento da mocidade compostelá sobre a economía circular e mostrar a importancia de reducir a pegada ecolóxica apostando polo consumo responsábel, a conservación da natureza e a xestión sustentábel dos recursos”. O prazo para inscribirse na xincana rematará o 28 de outubro ás 18:00 horas.
A xincana é un reto por equipos. Para poder participar os equipos deben estar conformados por un mínimo de tres persoas e un máximo de cinco. O premio desta actividade consitse nun vale por valor de 250€ para cada equipo gañador para compras realizadas en establecementos do comercio local de Santiago de Compostela.
O proxecto #EuCompost_ela tamén propón unha actividade musical que terá lugar o vindeiro 26 de outubro no auditorio do CERSIA Empresa e na que participarán máis de 200 nenos e nenas dos centros educativos de primaria de Vite, Fontiñas e San Jorge. Compost_ela Miúda reunirá a Paco Nogueira e Iseo a Moura nun concerto ao redor dos dos conceptos ecoloxía, sostibilidade, reciclaxe e economía circular.
Proxecto #EuCompost_ela
Estas actividades enmárcanse dentro do proxecto #EuCompost_ela, iniciativa posta en marcha o ano pasado polo Concello de Santiago e a Unión de Consumidores de Galicia a través da que se están a desenvolver unha serie de actividades co obxectivo de fomentar entre as persoas consumidoras un coñecemento máis profundo da economía circular. Ata o momento leváronse a cabo o faladoiro Arredor da economía circular, o concurso de Tik Tok Conecta coa Economía Circular, a exposición itinerante Os Benfeito fan Compost_ela por centros de infantil e primaria e a Feira de Economía Circular e Boas Prácticas.