Santiago estrea unha web centrada nos seus sendeiros verdes

martes, 30 de setembro do 2025 S. P.

Despois de nove meses de traballo, este martes 30 de setembro chegou ao seu remate o obradoiro dual de emprego Parque forestal de autóctonas do Monte Pedroso impulsado polo Concello de Santiago para poñer en valor un dos espazos naturais máis emblemáticos de Compostela. Froito do programa, a capital de Galicia gaña un novo espazo de descanso no Pedroso e unha páxina web con información detallada sobre a rede de sendeiros verdes da capital galega.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, clausurou o obradoiro nun acto no que tamén participou a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
No acto, María Rozas subliñou a importancia dos obradoiros de emprego “como ferramentas fundamentais para mellorar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas desempregadas”. Ademais, salientou que “estes programas permítennos desenvolver intervencións de gran valor social e ambienta, coas que estamos gañando espazos públicos de calidade e poñendo en valor zonas que fan parte do imaxinario da veciñanza de Santiago, como é o Pedroso”.
Tamén puxo en valor o traballo da nova web “moi necesaria para dar a coñecer moitos dos itinerarios verdes que nos axudan a coñecer mellor o noso municipio”
Respecto do bloque formativo centrado en elaboración de páxinas web, o alumnado puxo en marcha o portal sendeirosdecompostela.gal, que reúne información de 20 rutas diferentes polo termo municipal de Santiago.
A web permite coñecer de maneira doada 13 rutas circulares e 7 lineais, coa posibilidade de habilitar filtros por nivel de dificultade ou distancia. Nas fichas de cada unha delas hai información detallada sobre o tempo estimado de duración do percorrido, mapa ou descarga do track en formato GPX, así como elementos históricos e naturais de interese, lendas relacionadas con cada zona, ou mesmo o equipamento preciso para percorrer cada tramo. O obxectivo da web é “facilitar a práctica do sendeirismo, animando aos veciños e veciñas a coñecer mellor Santiago, a súa natureza e o seu patrimonio”, salientou o Concello.
No obradoiro dual de emprego participaron 20 alumnos/as-traballadores/as, dez en cada unha das especialidades. O programa contou cun orzamento total de 544.744,96 euros, dos que 441.928 euros foron achegados pola Consellería de Emprego e os 102.816,96 euros restantes polo Concello.