Santiago habilita un sistema de xestión de cita previa que evita aglomeracións nas oficinas municipais

martes, 14 de xullo do 2020 Sonia Pena

O Concello de Santiago quere facilitar os trámites municipais á cidadanía nestes tempos de volta á (relativa) normalidade, achegando, pola vía electrónica, solucións seguras, inmediatas e eficaces. Nesta liña, a concelleira de Modernización da Administración Local, Marta Abal, presentou este martes 14 o novo sistema de xestión de quendas e cita previa de varios servizos municipais, que, segundo fixo saber, “permitirá organizar de xeito escalonado e eficiente a volta á normalidade na xestión de trámites administrativos, cumprindo coas directrices de distanciamento social decretadas en resposta á COVID-19”.
A través desta novidade, a cidadanía poderá obter a súa cita previa tanto dende o seu computador como dende o seu smartphone, accedendo a citaprevia.santiagodecompostela.gal, ou a través do teléfono 881 505 107.
Na dita web, o usuario estará en disposición de seleccionar a oficina á que quere acudir e o trámite que desexa realizar. De seguido, a ferramenta mostrará os días e as horas libres. Unha vez seleccionados estes puntos, terán que ser introducidos os datos persoais e de contacto, para, a continuación, recibir un código localizador da cita, que se poderá conseguir mediante correo electrónico ou SMS. Este código permitirá rexistrar a chegada ou modificar ou anular a cita.
Grazas ao novo sistema poderán xestionarse as citas nas oficinas de Atención á Cidadanía, Atención ao Contribuínte, Padrón de Habitantes e Tráfico, así como no Rexistro Xeral, no Rexistro Auxiliar do Ensanche e no Rexistro e Oficina de Urbanismo.
O servizo achegado polo Concello spode dar lugar a citas presenciais, pero tamén a citas por vídeo-conferencia, posíbeis en servizos como o de Urbanismo, tal como recalcou a concelleira, que puxo o foco no “grande avance” que significa esta novidade para o pulo da Administración local, permitindo controlar os fluxos de persoas nas oficinas municipais, evitar as acumulacións e, así, “previr a COVID-19”.
A edil tamén informou de que os devanditos pasos serán os mesmos que se poderán dar a través da webapp de cita previa dispoñíbel a través de calquera smartphone ou dispositivo móbil. Ademais, con esta aplicación, o/a usuario/a poderá, cando acuda á súa cita, indicar (co código localizador ou co DNI) que xa chegou á oficina sen necesidade de entrar dentro dela, e ficar fóra agardando a súa quenda na rúa. “O sistema indicaralle no móbil cantas persoas van diante e o tempo estimado de espera”, explicou, engadindo que á hora da quenda, “recibirá un aviso no seu dispositivo móbil, indicándolle que xa pode entrar”.
A aplicación móbil de cita previa do Concello de Santiago de Compostela é unha app universal, válida para todo tipo de dispositivos móbiles. A concelleira recordou que non é necesario instalala e que se pode obter escaneando un código QR ou a través de citaprevia.santiagodecompostela.gal.

PUBLICIDADE