Santiago homenaxea a Luísa Villalta cunha campaña participativa nas redes sociais
xoves, 16 de maio do 2024
O Concello de Santiago sumouse este xoves 16 á celebración do Día das Letras Galegas (17 de maio) e fíxoo coa lectura dunha declaración institucional que “reafirma o compromiso de todos os grupos políticos a prol do uso do galego na Administración municipal e da súa promoción na sociedade”. No acto, na que participaron os membros da Corporación, recoñeceuse tamén o legado da poeta coruñesa Luísa Villata cunha lectura dos seus poemas. Ademais, o Concello mantén activa a campaña Andei por Santiago/pisando estrelas coa que convida á veciñanza a compartir en redes sociais os seus recunchos favoritos de Compostela ao mesmo tempo que se pon en valor a obra da poeta homenaxeada.
Declaración institucional
Con motivo do Día das Letras Galegas, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e representantes de todos os grupos municipais participaron nun acto no Pazo de Raxoi no que se procedeu á lectura da declaración institucional aprobada de forma unánime no Pleno do Concello do pasado 24 de abril. Goretti Sanmartín abriu o acto e a continuación os/as concelleiros/as Gonzalo Muíños (PsdG), Nerea Barcia (PP), María Rozas (CA) e Míriam Louzao (BNG) deron lectura ao texto.
Con esta declaración pública, aprobada de xeito unánime por todos os membros da Corporación municipal no pleno do 24 de abril, reivindícase con motivo do 17 de maio, Día das Letras Galegas, o compromiso do Concello co uso do galego na administración municipal e coa súa promoción na sociedade. "Desde o Concello de Santiago, como capital de Galicia, temos unha responsabilidade excepcional co galego, a nosa lingua propia dentro dese patrimonio mundial da diversidade, a da comunidade que representamos", recolle o documento.
O evento continuou coa lectura dunha serie de poemas de Luísa Villalta a cargo de alumnas do IES Rosalía de Castro e das autoras especialistas na súa obra, Marga Romero e Esperanza Mariño. Ao acto asistiron, ademais do conxunto da Corporación municipal, autoridades e representantes do tecido asociativo, cultural e comercial de Santiago e un nutrido grupo de alumnos e alumnas do IES Rosalía de Castro.
Na súa intervención, a alcaldesa enxalzou a figura "tan forte, tan intensa e tan fascinante" que é Luísa Villalta, á que definiu como "unha muller que é referente e que ten unha poesía que representa perfectamente aquilo que non damos dito con palabras na linguaxe corrente".
Campaña Andei por Santiago/pisando estrelas
Con motivo do Día das Letras Galegas, o Concello de Santiago tamén lanzou esta semana a campaña Andei por Santiago/pisando estrelas coa que convida á veciñanza a compartir en redes sociais os seus recunchos favoritos de Compostela ao mesmo tempo que se pon en valor a figura da poeta Luísa Villalta.
As persoas interesadas en participar deben publicar nas redes sociais unha imaxe dun lugar de Compostela que sexa significativo utilizando os cancelos #AndeiPorSantiago e #PisandoEstrelas, acompañados dunha explicación do lugar escollido. Entre todas as persoas que participen sortearanse 10 lotes de material cultural.