Santiago inicia un proxecto piloto para guiar á cidadanía nos seus trámites electrónicos co Concello

mércores, 6 de xullo do 2022 S. P.

Comezou o mes de xullo con novidades tecnolóxicas importantes no Concello de Santiago. En concreto, púxose en marcha un proxecto piloto anti-fenda dixital para fornecer de asistencia á cidadanía en materia de trámites na sede electrónica municipal. O proxecto arrincou coa instalación de equipos específicos en diversos puntos da cidade e a súa contorna (en principio o Centro Social do Ensanche, o Rexistro de Galeras e máis a Concellería de Medio Rural) que permiten ás veciñas e veciños contactar con traballadores do Concello para facer de guías ou actuar como representantes do cidadán ante calquera trámite que queira realizar.
O alcalde Xosé Sánchez Bugallo presentou o proxecto este primeiro de xullo, nas dependencias da Concellería de Medio Rural. Segundo fixo saber, foi desenvolvido polo Departamento municipal de Modernización da Administración Local que dirixe a concelleira Marta Abal e o seu obxectivo é “achegarse á cidadanía con máis dificultades para acceder aos servizos en liña e loitar así contra a fenda dixital”. Durante a presentación, o rexedor estivo acompañado polo concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel e por Cruz Vázquez Veiga, presidenta da Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (FERUSA), que probou de primeira man o funcionamento da nova prestación.
Xosé S. Bugallo explicou que coa posta en marcha deste novo servizo “cúmprese o compromiso que adquirimos no pleno do Estado do Municipio, xa que somos moi conscientes de que os cambios na Administración Electrónica xeran dificultades nun segmento importante da poboación, especialmente na zona rural e para as persoas de maior idade”. O alcalde anunciou que este proxecto, que se inicia con carácter experimental en 3 puntos, “ampliarase a máis centros a partir do mes setembro, tanto na cidade como no rural” e que “para finais de ano, prevese a posta en marcha dun operativo de asistencia 24 horas, 7 días á semana que poderán empregar as persoas desde o propio domicilio ou desde calquera lugar con acceso a Internet”.
Como dixemos, nesta primeira fase deste proxecto piloto estarán dispoñíbeis tres equipos: no Centro Sociocultural do Ensanche, no Rexistro Municipal de Galeras e na sede da Concellería de Medio Rural no parque empresarial de Costa Vella (rúa da República Checa, 52, 1º - local 105). No futuro, o proxecto podería estenderse a outras áreas como as de turismo, protección civil, oficina tributaria, etc.
Trátase dun proxecto que xa foi implantado con éxito en diferentes zonas do mundo como para a Comisión de Saúde e Seguridade Social do Estado de Texas, para os servizos gobernamentais na cidade de Niza ou para os servizos municipais na cidade de Ashdod (Israel) e que “é a primeira vez que se leva a cabo en Galicia”, lembrou o rexedor.

PUBLICIDADE