Santiago instala bancos intelixentes para optimizar os seus sistemas de planificación urbana
martes, 18 de outubro do 2022
O
Concello
de Santiago, ao abeiro do seu proxecto de Cidade Intelixente
(Smartiago), comezou a instalación en diversos recantos do espazo
urbano duns bancos intelixentes equipados con sensores de
infravermellos e con capacidade para detectar o paso de peóns e as
pautas que estes ofrecen nunha área determinada das proximidades do
mobiliario.
Trátase,
máis polo miúdo, dun sistema que recolle datos cos que achegar
información de valor sobre fluxos de viandantes, sobre equipamentos
municipais, sobre ordenación do tráfico e urbanística e sobre a
planificación e a localización (idónea) destes equipamentos.
O
Concello de Santiago quixo aclarar na presentación destes bancos
intelixentes que estes “non integran ningún tipo de cámara nin
ferramenta para a captación de imaxes”, só tecnoloxías que
achegan metadatos cos que alimentar unha base da datos con
información de utilidade.
A
instalación dos bancos enmárcase dentro da contratación de
servizos de Investigación e Desenvolvemento (I+D) de algoritmos
avanzados de modelado e simulación da mobilidade peonil, dentro do
proxecto Smartiago. É unha das contratacións da vertical de
mobilidade.
Neste
proxecto, no que se están desenvolvendo unha serie de algoritmos
avanzados para modelado e simulación da mobilidade peonil, vaise
desenvolver o que se coñece como un xemelgo dixital de mobilidade
peonil urbana. “Trátase dun desenvolvemento que permitirá modelar
fluxos de mobilidade peonil e, o que é máis importante, estimar o
impacto sobre estes de cambios na contorna urbana de maneira que será
un instrumento de planificación urbana”, explicaron fontes do
Concello de Santiago, engadindo que neste contexto “o mobiliario
urbano intelixente (bancos) non só está pensado para incentivar a
mobilidade peonil, senón tamén para validar as predicións do
xemelgo dixital á hora de contrastar a evolución dos fluxos
peonís”. Para iso, cada un dos bancos dispón dun sensor que
realizará un envorcado de datos unha vez ao día agrupando estes por
franxas horarias.
O
pasado xoves día 13 comezou a instalación do devandito mobiliario
intelixente, comezando coa colocación de 5 bancos na rúa de San
Pedro Mezonzo. Logo fóronse engadindo 3 equipamentos máis na rúa
Carreira do Conde e outro na praza Galicia. A montaxe ten prevista a
súa finalización durante esta mesma semana, concretamente o
mércores día 19, e durante estes días colocaranse 4 bancos na rúa
do Hórreo, 3 bancos na Avenida Xoan XXIII, 3 bancos no Centro Médico
Concepción Arenal e os 3 últimos bancos situaranse na rúa dos
Feáns. Trátase dunhas localizacións que non son definitivas e que
se poderán modificar de resultar necesario.
O
proxecto Smartiago desenvólvese en virtude a un convenio de
colaboración da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda)
entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago
de Compostela e está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de
Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo
Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Tamén está
co-financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.