Santiago lanza o ciclo de actividades formativas Compostela Móvese 2023

martes, 3 de outubro do 2023 S. P.

O vindeiro 9 de outubro arranca en Santiago un ciclo de accións formativas dirixido a empresas e profesionais da área empresarial de Santiago para mellorar a súas competencias en ámbitos como a dixitalización, a mercadotecnia ou a xestión de persoal, entre outros ámbitos. Impulsado pola Oficina de Promoción Económica do Concello de Santiago, o programa Compostela Móvese 2023 ofertará un total de 58 cursos tanto en modalidade presencial como teleformación.
En palabras do Concello, o obxectivo principal deste programa de dinamización económica é “mellorar o grao de coñecemento, emendado eivas e ofrecendo actualizacións en materias útiles para os procesos de xestión empresarial e laboral”. Para isto, a Oficina de Promoción Económica oferta un ciclo de actividades formativas, adaptadas ás necesidades e características da área empresarial de Santiago de Compostela coa que mellorar a súa competitividade. O prazo de inscrición nas actividades está aberto. Estas accións, engade o Concello, están “especialmente dirixidas ao persoal directivo, de xerencia, propietarias/os e persoal laboral de empresas que teñan a súa sede e un centro de actividade no termo municipal de Santiago de Compostela”. Tamén poderán participar tanto persoas en activo como en situación de desemprego, e, segundo lembra o Executivo compostelán, non suporán ningún custe para as persoas participantes.
As actividades están agrupadas en 6 grandes áreas temáticas e inclúen cursos de teleformación de 15 horas de duración, pílulas autoformativas de 4 horas de duración e na modalidade en liña, obradoiros prácticos e encontros informais na modalidade presencial. En total 418 horas e 58 accións.
As 58 accións están divididas en 6 grandes áreas formativas:
- Xestión empresarial: actualización lexislativa e dixitalización (13 accións)
- Xestión económico-financieira an empresa (8 accións)
- Comercialización e mercadotecnia (marketing) (12 accións)
- Incorporación da perspectiva de xénero na empresa (10 accións)
- Xestión de persoas (11 accións)
- Patrimonio cultural galego e economía prateada como novas oportunidades de mercado (4 accións)
Na web de Compostela Móvese 2023 pódese consultar a información e facer as inscricións nestas accións formativas.

PUBLICIDADE