Santiago lanza web para facer comunidade arredor dos seus múltiples espazos verdes

xoves, 23 de novembro do 2017 Redacción

Santiago ten máis zonas verdes cá media europea (é a cidade galega con máis metros cadrados de natureza por habitante, arredor de 27 metros cadrados por habitante), e para mostrar este rico patrimonio medio ambiental e paisaxístico, o Concello vén de lanzar unha páxina web específica, Compostela Verde, a nova presenza en liña do Departamento de Parques. O sitio, que tamén é unha ferramenta e unha comunidade na que os internautas poderán contribuír achegando fotos ou datos, foi dado a coñecer polo concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, acompañado de Miguel Lois Barreiro, de Ferrovial, entidade encargada de desenvolver o portal. Segundo fixeron saber, trátase dun recurso dixital que será “de enorme utilidade” e que estará en proceso continuo de mellora e de de enriquecemento. Un proceso de mellora e enriquecemento parello ao que “vive” e “experimenta” a longa listaxe de espazos verdes da capital galega.
Miguel Lois Barreiro explicou que “a día de hoxe están xa cargados no portal preto de 1.700 elementos, pero a intención é seguir completando a información”. Segundo engadiu, o miolo da páxina é un mapa “no que se poden activar ata 14 capas diferentes con recursos moi variados”. Neste recurso, dixo, están sinalizados os parques e xardíns de Compostela, as árbores singulares (con información detallada de cada exemplar) e as 66 masas arboradas identificadas no municipio. Asemade, achégase información detallada sobre os espazos singulares ao abeiro dos propios parques e sobre máis de 500 elementos relacionados coa auga (muíños, fontes, lavadoiros…), e preto de 400 elementos patrimoniais (petróglifos, hórreos, palcos de música…).
Outras capas mostran as hortas urbanas, os miradoiros naturais ou construídos, os máis de 80 parques infantís do municipio e as máis dun cento de instalacións deportivas. Por último, pódese consultar información sobre os parques biosaudábeis, as áreas de compostaxe, os equipamentos socioculturais, os espazos habilitados para cans ceibos e os sendeiros de Compostela.
A web complétase con información do Departamento municipal de Parques e Xardíns, cun espazo de novas e cun acceso directo á Liña Verde para que a veciñanza poida presentar incidencias.

PUBLICIDADE