Santiago pecha cunha xornada o seu programa para impulsar hábitos tecnolóxicos sustentábeis

luns, 26 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

A campaña ambiental e sustentábel Longa vida aos teus aparellos electrónicos! está a piques de rematar en Compostela. Para celebralo e para conmemorar os importantes logros de concienciación e participación obtidos, os impulsores da iniciativa (o Concello de Santiago e a empresa Teimas a través de Tropa Verde) van organizar este 6 de marzo unha xornada de divulgación, O papel das cidades na Economía Circular. A cita será no edificio CERSIA e contará con relatores de referencia no ámbito da sustentabilidade tecnolóxica, o cambio climático e as posibilidades importantes de aproveitamento que ofrecen os refugallos TIC unha vez que entran en en desuso.
Quen queira participar na xornada pode facelo enviando os seus datos á conta de correo comunicacion@revertia.com. A sesión de clausura insírese como dixemos na campaña Longa vida aos teus aparellos electrónicos!, un programa posto en marcha para fomentar a captación e o tratamento axeitado de pequenos aparellos eléctricos e electrónicos, aumentando as porcentaxes de reutilización e reciclaxe. A campaña foi posta en marcha polo Concello de Santiago de Compostela xunto coas empresas Teimas Desenvolvemento, Revertia e Recyclia. A finalidade foi “incentivar a responsabilidade ambiental nos cidadáns e cidadás de Santiago de Compostela e mellorar os índices de reutilización e reciclaxe destes residuos e prever así graves problemas de contaminación da auga, do chan e emisións de substancias tóxicas”.
Na presentación da iniciativa, celebrada o ano pasado, explicábase que para participar na mesma cumpría un rexistro previo na plataforma web tropaverde.org co fin de ir xuntando estrelas pola entrega de residuos eléctricos e electrónicos nos 14 puntos de recollida habilitados en centros socioculturais e polideportivos (as estrelas podíanse trocar despois por premios e descontos nos establecementos de Santiago que patrocinan o programa, premios entre os que se inclúe o sorteo, precisamente, de dous portátiles e dous teléfonos móbiles).
Na campaña incluíuse a recollida de equipos de informática e comunicacións como PC, portátiles, ou teléfonos móbiles; e pequenos electrodomésticos, como batedores, secadores de cabelo, torradoras, cepillos de dentes eléctricos, tabletas, consolas ou xoguetes a pilas. Tamén apañaron pilas e baterías.

PUBLICIDADE