Santiago postúlase como Capital Europea da Ciencia
venres, 30 de xaneiro do 2026
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, informou de que a Axencia Galega de Innovación (GAIN) dirixiuse ao Concello para propoñer a candidatura de Santiago para que sexa nomeada Capital Europea da Ciencia 2028, un reto ante o que expresou esa súa “absoluta disposición e implicación".
A rexedora valorou como “unha noticia moi positiva” que a Axencia Galega de Innovación se dirixira ao Concello para propoñer esta candidatura e considerou que “supón cousas moi importantes, que é ser exemplo de como se achega a ciencia á vida cotiá”. “Nós cremos firmemente que temos unha moi boa posición para obter esa distinción”, afirmou.
Goretti Sanmartín salientou “o relevante labor investigador da USC e a súa rede de centros singulares”. Entre eles, citou o CiMUS (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) e o IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías), ambos os dous recoñecidos co selo de excelencia María de Maeztu. Engadiu que “non é unha casualidade que en Compostela desenvolva a súa actividade unha persoa que é unha eminencia en medicina xenómica, como é Ángel Carracedo; ou que aquí se estean desenvolvendo proxectos que que relacionan de maneira directa biotecnoloxía e emprendemento empresarial como é o Biopolo, que teñamos unha facultade de Medicina que é das mellores sen ningunha dúbida do mundo, e que sexamos un referente no ámbito sanitario”. Engadiu tamén o Centro de Supercomputación (CESGA), o Instituto de Ciencias do Patrimonio e o desenvolvemento de programas divulgativos como Conciencia, que establece pontes entre Compostela e figuras de relevancia científica mundial.
Sanmartín celebrou e agradeceu a iniciativa da Axencia Galega de Innovación para “recibir este recoñecemento que se pode converter nunha plataforma importante de dinamización económica e de captación de talento”.
