Santiago renova esforzos contra as adicións online

venres, 14 de outubro do 2022 S. P.

Rubén Prol, concelleiro de Mocidade de Santiago, e o educador social Ramón Molina, presentaron a segunda edición de Vas Picar? Mocidade libre de apostas que este ano porá en marcha unha serie de obradoiros dirixidos ao alumnado de educación secundaria co fin de sensibilizar á mocidade sobre os perigos da ludopatía e os riscos dun uso sen control de determinados servizos dispoñíbeis na Rede, por exemplo os videoxogos online. Porase o foco na información en redes sociais.
Segundo anunciaron, o Concello de Santiago porá en marcha este ano un total de 41 obradoiros con 3 sesións de traballo, nos que se estima unha participación de arredor de 1.000 alumnos e alumnas. A finalidade desta actividade é “sensibilizar á mocidade sobre a problemática da adicción aos xogos de azar, facendo fincapé nos factores de risco que poden levar ás persoas á ludopatía”.
Os obradoiros están destinados ao alumnado de 3º e 4º de ESO, xa que “se consideran estes cursos os idóneos para abordar esta problemática”, indicaron, engadindo que tamén haberá un formato dirixido a alumnado de FPB. Este ano, ademais, ampliarase a duración dos obradoiros, que tamén incluirán novos conceptos vencellados ás loot boxes nos videoxogos; a figura dos pronosticadores profesionais (tipsters) e os mitos que se xeran ao redor delas; o proceso de toma de decisións ante unha situación problemática para o adolescente ou o fenómeno das criptomoedas e os paralelismos existentes coa apostas deportivas online.
Tamén se prevé a realización de 2 cursos de 4 h dirixidos ao profesorado, para formalos ao respecto desta problemática da adicción ao xogo, e poder achegar ferramentas e materiais didácticos para desenvolver unha labor educativa e de prevención dende as aulas.
Campaña en redes sociais
Rubén Prol tamén fixo saber que “tirando proveito das estruturas xeradas da campaña do ano pasado”, a campaña Vas picar? Mocidade libre de apostas, seguirase difundíndose a campaña a través das contas de redes sociais (Instagram e Facebook) e da web do proxecto www.eunonpico.gal. Crearanse un total de 17 creatividades ao longo destes mes e medio para reforzar a mensaxe educativa da campaña tamén a través das redes sociais.

PUBLICIDADE