Santiago será este mes de xullo un macro-foro de tecnoloxía, matemáticas e transferencia

xoves, 4 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

A nosa terra é por dereito propio un referente en tecnoloxías de cómputo e na aplicación empresarial das grandes posibilidades do cálculo avanzado: posibilidades para resolver retos de innovación, mellorar competitividade ou optimizar eficacia e eficiencia. Boa parte da culpa disto tena o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (o ITMATI, participado polas tres universidades galegas e con sede no Campus Vida de Santiago). Para mostrar o labor da comunidade matemático-científica-tecnolóxica galega e tender novas pontes coa industria, o ITMATI vai celebrar os días 22, 23 e 24 de xullo a primeira edición do seu Congreso sobre Transferencia entre Matemáticas e Industria (CTMI 2019).
O evento, ademais do impulso do ITMATI, contará co apoio da European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation (EU-MATHS-IN), a Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia (GAIN), a Rede Estratéxica en Matemáticas (REM) e a Enterprise Europe Network.
Durante o CTMI 2019, daranse a coñecer avances significativos no eido da matemática industrial. Con esta finalidade, contarase coa presenza activa de destacadas personalidades internacionais dos ámbitos da empresa, a ciencia e o mundo académico. Os participantes proceden de distintos países de Europa, América, África e Asia; en particular de Francia, Hungría, Italia, Luxemburgo, Noruega, Alemaña, Ucraína, Rusia, Estados Unidos, Kazajistán e Alxeria; ademais de de diversos puntos de Galicia e do resto de España.
En termos máis concretos, o ITMATI lembra que a finalidade deste encontro internacional é a promoción e difusión de ferramentas matemáticas (como a estatística, o Big Data, o modelado, a simulación e a optimización), xunto ás súas aplicacións industriais. No transcurso do mesmo presentaranse novas liñas de investigación orientadas ás necesidades das empresas e da sociedade en xeral. Tamén se presentarán experiencias singulares de transferencia de resultados á industria.
No marco do evento celebrarase unha actividade paralela de divulgación da tecnoloxía matemática á sociedade en xeral. Será o 23 de xullo no Auditorio Abanca de Santiago (rúa Preguntoiro), de 20:00 a 21:00 horas. Antonio Pita Lozano, responsábel global de consultoría e analítica na Unidade de Datos de Telefónica ofrecerá a conferencia Datos e matemáticas. Os propulsores das compañías data driven. O relatorio versará sobre o valor da información para as empresas, considerado un activo estratéxico das compañías que están a realizar a súa transformación dixital.

PUBLICIDADE