Scientific Videogames e Salitre Joyas gañan os XIX Premios AJE Vigo
venres, 31 de xaneiro do 2025
A empresa Scientific Videogames, do Porriño, e Salitre Joyas, de Vigo, son os gañadores da 19ª edición do Premio Novo Empresario e Empresaria e Iniciativa Emprendedora, respectivamente; organizados por AJE Vigo.
Scientific Videogames é un proxecto innovador de Patricia Bondía que naceu en 2021 cando traballaba na súa tese doutoral en Biofísica e comezou a crear ilustracións e animacións para ilustrar a súa proposta. O xurado do certame valorou que hoxe en día a empresa é “referente en comunicación científica innovadora e na creación de videoxogos para achegar a ciencia á sociedade e estimular vocacións STEAM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) entre os máis novos, mediante a interactividade e as técnicas de gamificación. Desde O Porriño, Bondía e o seu equipo ofrecen solucións para centros de investigación como o Max Planck Institute, en Alemaña, ou a Universidade de Princeton, en EE UU.
Na categoría Iniciativa Emprendedora, a vencedora foi Salitre Joyas, unha marca galega de xoias en aceiro inoxidable posta en marcha por Iria Pereira e Lidia Estévez, en Vigo. O xurado salientou que a firma se ben comezou como un servizo de comercio electrónico de contado os seus responsables decidiron apostar tamén por venda física. Na actualidade teñen cinco tendas en Galicia, un total de 17 traballadores e contan cunha forte presenza online en toda España. A súa proposta de valor é a sustentabilidade e colaboran coa Fundación Ecomar.
Accésits
Dentro da categoría Mellor Empresario e Empresaria entregáronse dous accésits. O de Innovación para Vigsecdrone, unha empresa posta en marcha por Noelia Gil en 2019, na Lama, Pontevedra. O xurado enxalzou o potencial da compañía para “redefinir a seguridade, as emerxencias e as operacións estratéxicas empregando drons con tecnoloxía de vangarda e disruptiva”. Ofrecen formación de pilotos con experiencia recoñecida en misións internacionais e operacións de vehículos non tripulados de máis de 150 quilos. Ademais, son os creadores de Suite Acre, unha ferramenta tecnolóxica innovadora que permite o uso simultáneo baixo o mesmo espazo aéreo, de drons e areronaves tripuladas.
O segundo accésit, o de Responsabilidade Social Empresarial recaeu en Altitude, lecer e educación ambiental, un proxecto de Claudia Montes (Tui) que viu a luz en xaneiro de 2024. O xurado recoñeceu “a achega desta empresa ao medio natural e a súa implicación cos máis novos a través dos roteiros e xogos que desenvolve para escolares”.
Ademais, durante a gala entregouse o Premio Honorífico a Carlos Filgueira, xerente da empresa de venda de mobiliario de oficina Oftega. Con este galardón, AJE Vigo quixo recoñecer a achega de Filgueira á asociación xa que é o socio máis antigo de AJE Vigo e antigo presidente.
O acto, no que participaron preto de 100 persoas convidadas, celebrouse en Nigrán, na sede de Zona Franca en Porto do Molle. Contou coa presenza de numerosas autoridades entre as que se atopaban o alcalde desta localidade, Juan González; o conselleiro de Emprego, José González; a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez ou a delegada da Xunta de Galicia, Ana Ortiz, entre outras personalidades do mundo empresarial e social de Galicia.