Scientix premiou o Día da Ciencia na Rúa do Concello da Coruña

martes, 20 de xuño do 2023 S. P.

Scientix, a comunidade para o ensino das ciencias en Europa, vén de distinguir cun premio o Día da Ciencia na Rúa, a feira de ciencia que cada ano o Concello da Coruña organiza a través dos seus Museos Científicos coa colaboración da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, EMALCSA e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). O galardón encádrase na categoría STEM Influencers e recoñece o impacto e alcance social de proxectos de fomento da cultura científica en toda Europa.
No caso do Día da Ciencia na Rúa valorouse a continuidade desta feira científica, decana en España con 27 edicións, e a participación de máis de 1300 persoas entre alumnado, docentes e persoal voluntario, así como unha afluencia media de 20.000 persoas en cada edición.
O Concello explicou que para lograr este premio tamén foron decisivas as achegas no Día da Ciencia na Rúa de varios centros educativos que participan no proxecto Make it open, unha iniciativa financiada pola Comisión Europea que busca introducir nas aulas a filosofía do movemento maker (que defenda o espírito participativo do “faino ti mesmo” levado á tecnoloxía, á robótica e á Intelixencia Artificial). Na feira coruñesa participaron 50 docentes e 350 escolares de sete centros procedentes das provincias da Coruña e Pontevedra, que amosaron ao público os seus proxectos de tecnoloxía aberta. Precisamente será unha das profesoras participantes en Make it open, Elena Bascuas, do IES Menéndez Pidal da Coruña, a que recolla o premio en nome do Día da Ciencia na Rúa. O premio entregouse o sábado 17 de xuño no Future Classroom Lab de Bruxelas, dentro do 40th Science Projects Workshop.

PUBLICIDADE