Seagate presenta un novo disco duro sen fíos para achegar contidos a dispositivos móbiles

luns, 5 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Ante o incremento da demanda de almacenamento de datos a nivel doméstico, e o acceso aos contidos entre distintos dispositivos, Seagate lanza uns novos discos duros portátiles de 500 GB que destacar por crear a súa propia rede Wi-Fi, de xeito que poden transmitir os seus contidos até a 3 dispositivos móbiles á vez, evitando así que teñamos que elixir os documentos que queremos levar no móbil, pensando tanto no seu uso no fogar como cando imos de viaxe.
As unidades Wireless Mobile Storage de Seagate transmiten o contido multimedia e documentos a calquera tableta, smartphone ou ordenador conectado, para o que contan coa aplicación Seagate Media para iOS, Android e Windows 8/RT, podendo incluso empregarse tal aplicación para transmitir os contidos multimedia a un Chromecast, un Smart TV de LG ou un reprodutor Roku que estean conectados na mesma rede.
Estes dispositivos teñen unhas medidas de 24,5 x 125,36 x 125,36 milímetros, un peso de 281 gramos, conectividade Wi-Fi e USB 2.0, batería cunha autonomía dunhas 9 horas de uso, carcasas en 5 cores distintas (negro, branco, vermello, azul e verde) e un prezo de 129,99 dólares (o prezo en euros aínda non foi comunicado).

A unidade está dispoñible en varias cores


Vídeo de presentación do novo disco duro sen fíos de Seagate