SecuTABLET, unha tableta segura grazas á colaboración de BlackBerry e IBM

luns, 16 de marzo do 2015 Marcus Fernández

A que fora a feira tecnolóxica máis importante do mundo, o CeBIT, que até o venres xuntará a milleiros de asistentes en Hannover, foi o marco elixido para presentar ao mundo a nova tableta promovida por BlackBerry para o sector público e empresarial, a SecuTABLET, que curiosamente non é un produto fabricado por BlackBerry, senón que sería un trebello baseado no Samsung Galaxy Tab S 10.5 que integraría importantes melloras a nivel de seguridade para que poida certificarse o seu uso por parte de certos organismos públicos.
Esta tableta creada en colaboración con IBM estaría integrada no catálogo SecuSUITE for BlackBerry 10, e non só aseguraría as aplicacións de comunicación profesionais, senón que tamén protexería as comunicacións a través de servizos como Facebook, YouTube ou Twitter, tirando proveito da coñecida rede de comunicacións seguras de BlackBerry.
A compañía encargada de prover a tecnoloxía para asegurar as aplicacións móbiles e implementar solucións de alto nivel de seguridade en infraestruturas de varios clientes dentro do sector gobernamental foi IBM, conseguindo así que esta nova solución que está a presentarse en Alemaña poida resultar apta para o uso por organismos do sector da Defensa, na liña do que BlackBerry ten conseguido cos teléfonos (os smartphones BlackBerry 10 foron os primeiros en aprobarse pola OTAN para as comunicacións clasificadas).
Este produto vai dirixido a un sector moi específico, de aí que o seu prezo poida resultar bastante rechamante para o público xeral, xa que coméntase que a SecuTABLET custaría 2.250 euros.

PUBLICIDADE