Secuestran a conta de atención ao cliente de Correos en Twitter

martes, 15 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Esta mañá Correos advertiu en Twitter de que a súa conta de soporte @CorreosAtiende foi hackeada, polo que pide ignorar os seus chíos e as súas mensaxes directas, e aseguran estar a traballar para solucionar a situación. Actualmente a conta @CorreosAtiende non só foi suplantada para publicar mensaxes relativos ao envío de droga (no que podería chegar a considerarse unha broma) senón que tamén mudou de nome de usuario por @CorreosAtiende_, permitindo así a creación dunha nova conta @CorreosAtiende tras quedar o nome de usuario orixinal libre.
Este tipo de vulneración de seguridade resulta preocupante, xa que nas mensaxes directas de @CorreosAtiende manéxase información persoal de moitos usuarios, polo que, na práctica, un fallo de seguridade nunha plataforma social é equivalente a unha intrusión informática nos propios sistemas da compañía de Correos, polo que sería de esperar que empreguen medidas de seguridade máis robustas para evitar intrusións deste tipo.

PUBLICIDADE