Secuestran durante 30 horas o blog La Huella Digital

xoves, 8 de xullo do 2010 Marcus Fernández

O betanceiro Nacho de la Fuente, xornalista de La Voz de Galicia, decidiu en xaneiro de 2005 iniciarse no mundos dos blogs creando La Huella Digital, un espazo dixital que foi medrando con el e, pese a non corresponder a unha actividade remunerada, a calidade dos seus contidos levárono a recibir distintos recoñecementos coma o Premio Internacional BOBs 2006 ao mellor blog en español, o premio ao mellor blog do ano no II Congreso de Webmasters de Madrid (2008) e incluso a figurar entre os finalistas coma mellor blog periodístico nos Premios Bitácoras.com.
Lonxe de buscar un proveito económico desta publicación persoal, Nacho de la Fuente aproveita a sona do seu blog para relacionarse cos seus lectores, con outros profesionais e incluso para exercer como activista na Rede, coma quedou constancia coa súa coñecida blogocampaña contra a pornografía infantil na Rede, de aí que resulte indignante que outros quixeran usurparlle o seu espazo na web, e tras recibir un correo malicioso no que se lle instaba a confirmar a súa conta de usuario no servizo de Blogger para evitar o borrado da súa bitácora, levou unha desagradable sorpresa: usurparan a súa identidade para roubarlle o blog.
O roubo dun blog de éxito é algo que poden aproveitar persoas sen escrúpulos para expor aos seus visitantes a códigos maliciosos (coma troianos) ou incluso para enlazar a outras páxinas web co obxectivo de mellorar o seu posicionamento nos buscadores, aínda que nesta ocasión non quedaron moi claras as intencións do autor deste secuestro, que o servizo de alertas de Google situaba en Arxentina.
De la Fuente, impotente ante esta situación, intentou contactar cos responsables de Blogger por distintos métodos sen éxito, e finalmente foi a nai do secuestrador (que resultou ser un rapaz de 15 anos) quen contactou con el para devolverlle o seu blog tras «30 horas de pesadelo». Ao parecer tratábase dunha trasnada do rapaz, que foi solucionada en boa medida porque a súa proxenitora era consciente da gravidade do asunto.
De todo isto debería extraerse unha valiosa lección: non hai que pinchar nunca en ligazóns sospeitosas pois o phishing é unha ameaza real na que poden picar incluso experimentados blogueiros.

PUBLICIDADE