Secure Net de Vodafone bloqueou 565 millóns de ameazas de xaneiro a xuño

martes, 26 de outubro do 2021 S. P.

Vodafone fixo balance da actividade xerada este ano polo seu servizo de ciberseguridade para a rede móbil, Secure Net. Segundo fai saber a operadora, foi quen de bloquear no primeiro semestre de 2021 un total de 565 millóns de ameazas en Internet. Esta cifra supón un 20% máis de ciberataques bloqueados que no mesmo período do ano anterior.
Secure Net leva activo desde 2015 e permite aos clientes da operadora europea gozar de Internet “de xeito seguro” cando están conectados tanto á rede móbil como á rede fixa dos seus fogares ou negocios.
Segundo explica Vodafone, o principal problema ao que tiveron que facer fronte os usuarios de Internet nestes primeiros 6 meses “foron os downloaders”, unha técnica usada por ciberdelincuentes na que unha aplicación en aparencia inofensiva agocha un software que se comunica co delincuente para recibir instrucións. “Se accidentalmente instálase no noso equipo, toma o control podendo facerse con información sensíbel como as claves dunha conta bancaria”, explica a compañía, engadindo que o seu proceso de espallamento foi tan relevante nestes meses “que chegou a supoñer o 40% do total de bloqueos, multiplicando por 7 o número de ameazas deste tipo que Secure Net bloqueou no primeiro semestre de 2020”.
Ademais, hai un ano, Vodafone estendeu a protección de Secure Net á rede de acceso fixo que conta xa con máis de 600.000 clientes. Nesta rede, de media, fanse 10 veces máis bloqueos por liña que na rede móbil, o que pon de manifesto o relevante que é contar cun servizo como este tamén nas conexións fixas.
A seguinte gran ameaza da ciberseguridade nestes primeiros 6 meses foi o adware, un software non desexado deseñado para mostrar anuncios de forma continua en xanelas emerxentes, novas pestanas ou outras localizacións do navegador sen que o usuario poida pechalos. Estas ameazas representaron o 20% do total, duplicando o seu volume con respecto a 2020.
Por último, o terceiro tipo de ameaza máis común foi o phishing, que consiste en facerse pasar por unha persoa ou empresa de confianza para obter información persoal privada como contrasinais ou datos bancarios.

PUBLICIDADE