Seis colexios galegos gañan a IV edición de Ciberseguridade no cole!

venres, 8 de novembro do 2024 S. P.

Un equipo de seis alumnos dos colexios CPR Santo Pío X de Ourense, CEIP Cabanas e Sek Atlántico International School de Pontevedra resultou gañador da IV edición de Ciberseguridade no cole!, certame promovido por Telefónica, na categoría de Primaria, mentres en Secundaria gañou outro equipo de seis alumnos do IES Valle-Inclán de Pontevedra, o IES Rosais II de Vigo e o CPI As Mirandas de Ares.
A final e a entrega de premios celebráronse este xoves 7 de novembro en Santiago coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a participación do director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia -AMTEGA-, Julián Cerviño, e o director do Territorio Norte de Telefónica, Manuel Ángel Alonso.
No transcurso do acto destacouse “o crecemento sostido da participación, edición tras edición, tanto de colexios como de alumnos”. Telefónica engadiu que este ano, na fase de clasificación online, que se celebrou o pasado 15 de outubro, “participaron uns 7.500 alumnos de toda Galicia, pertencentes a 270 clases de 121 colexios”.
Ciberseguridade no cole! é un concurso para alumnos de 10 a 14 anos. Está dirixido ao alumnado de 5º e 6º de primaria e a 1º e 2º da ESO. O obxectivo do concurso é “fomentar a concienciación en materia de ciberseguridade no ámbito escolar, e facilitar que os alumnos adquiran os coñecementos e as ferramentas necesarias para facer fronte aos riscos que entraña o uso dos medios dixitais”.
Ademais da final e a entrega de premios, na xornada deste 7 de novembro celebrouse tamén #ConectaSenior, unha actividade dirixida ao público sénior e na que se falou de novas tecnoloxías, Intelixencia Artificial, adición ás pantallas e tamén algunhas nocións básicas sobre ciberseguridade.