Seis colexios participan este venres na final da V edición de Ciberseguridade no cole! de Telefónica

xoves, 6 de novembro do 2025 S. P.

Seis colexios galegos disputarán este venres 7 de novembro, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, a final da V edición do concurso Ciberseguridade no cole!, promovido por Telefónica para fomentar unha cultura de ciberseguridade entre os máis novos, no marco do V Encontro Ciber.gal.
No arranque do evento, os estudantes dos centros educativos clasificados manterán un encontro co conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, onde terán a oportunidade de exporlle preguntas e curiosidades relacionadas co seu ámbito de traballo e a ciberseguridade.
Cada centro escolar clasificado estará representado nesta última fase do certame por 2 alumnos, formando un único equipo de 6 participantes por cada categoría, que deberá resolver, de forma conxunta e colaborativa, o ciberdesafío exposto pola organización.
Trátase do CPR Plurilingüe Calasancias, da Coruña, o CEIP Plurilingüe do Carballal, de Vigo, e o CEIP Mestre Vide, de Ourense, que participarán na categoría de Primaria, e o Colexio Escolapios, de Monforte de Lemos (Lugo), o CPR Plurilingüe La Merced, de Sarria (Lugo), e o CPR Plurilingüe Losada, de Vigo, na de Secundaria.
Dinámica do concurso
A dinámica da proba será de preguntas e respostas contrarreloxo, onde cada equipo deberá ofrecer unha resposta consensuada ás 6 expostas para descifrar o ciberreto. Como axuda, contarán con dous comodíns, o do público, que dispoñerá de cartolinas de cores nos seus asentos para xestionalo, e o dos profesores.
“O traballo colaborativo será a base para alcanzar o éxito común en cada misión e lograr en equipo os premios establecidos: formativos, didácticos e relacionados coa seguridade”, explicou Telefónica.
Os tres colexios que forman equipo en cada categoría (Primaria e Secundaria) levarán o mesmo premio final, que será entregado por Julián Cerviño, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); a xefa de Relacións Institucionais do Territorio Norte de Telefónica, Ana Flórez; a directora da área de Infraestruturas e Seguridade, Adrián Lence; e o xefe de subárea de Seguridade da AMTEGA, Gustavo Herva, ao finalizar o encontro, que será clausurado pola directora de Telefónica en Galicia, Paula Beirán.
Ciberseguridade no cole! trata de dotar aos alumnos de entre 10 e 14 anos, de 5º e 6º de primaria e a 1º e 2º da ESO, de coñecementos e ferramentas para facer fronte aos riscos que entraña o uso dos medios dixitais. Nesta quinta edición participaron máis de 5.000 alumnos de 186 clases, pertencentes a 77 colexios.
Desde a súa posta en marcha en 2021, experimentou un gran éxito de convocatoria, con máis de 21.000 alumnos, máis de 500 clases e máis de 200 colexios galegos participantes nas catro edicións anteriores.