Seis empresas de CLUSAGA tiran proveito do proxecto europeo HIGHFIVE de transición verde e dixital

xoves, 1 de febreiro do 2024 S. P.

O Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA), en liña co seu obxectivo de acompañar ás empresas na transición verde e dixital, participa no proxecto europeo HIGHFIVE (enHancing dIgital and Green growtH in the Food processing industry via Interregional innoVation invEstments), unha iniciativa que comparte esta meta transformadora (tecnolóxico-sustentábel) e busca acadala a través de investimentos interrexionais en innovación. Tras un ano de actividade desta iniciativa, un total de seis organizacións socias do clúster contan con apoio económico do proxecto para impulsar accións de dixitalización e sustentabilidade.
Dito apoio parte de dúas fontes: as convocatorias de axudas a proxectos de innovación de HIGHFIVE e a inclusión de empresas en HIGHFIVE mediante un proceso de ampliación de consorcio.
A liña de apoio económico de para proxectos de pemes ten o obxectivo de impulsar a aparición de novas cadeas de valor interrexionais e intersectoriais a través da twin transition verde e dixital, e da Industria 5.0. A segunda e derradeira convocatoria desta liña, cuxa primeira edición deixou resultados “moi positivos para Galicia o pasado mes de agosto”, en palabras de CLUSAGA, está aberta dende mediados de xaneiro e aceptará propostas ata o vindeiro 28 de marzo.
Máis polo miúdo, o consorcio de HIGHFIVE recibiu, na súa primeira convocatoria, 58 propostas de empresas de 26 rexións europeas, das cales 7 foron de empresas galegas. Como resultado, 9 proxectos de innovación procedentes de 5 rexións diferentes foron seleccionados para recibir financiamento, sendo 2 deles galegos.
O primeiro destes proxectos está a ser aplicado por Queizuar, que está a aplicar nas súas instalacións sensórica avanzada para a monitoraxe continua de parámetros de calidade en soro lácteo, para así optimizar o proceso de valorización. Para levalo a cabo, conta coa colaboración de ANFACO-CECOPESCA.
O segundo proxecto escollido foi o de Glaücor Ingeniería que, coa colaboración de Aotech Optical Technologies, está a traballar en sistemas continuos de medición da humidade en manteiga a través de NIRS, para así automatizar o proceso de dosificación de auga.
Ademais do anterior, o proxecto europeo levou a cabo un proceso de ampliación de consorcio, mediante o cal integráronse nel empresas que desenvolverán iniciativas para a implementación de novas tecnoloxías dixitais e verdes. Así, unha das cinco iniciativas incorporadas é a de Quescrem e TripleAlpha, consistente nunha ferramenta de previsión da demanda e compra baseada en Intelixencia Artificial, que permita optimizar os procesos de fabricación. Deste xeito, ambas entidades súmanse á delegación galega do consorcio de HIGHFIVE, integrada pola Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e CLUSAGA.

PUBLICIDADE