Seis estudantes da UVigo logran o segundo premio na edición global de HackforGood

xoves, 16 de marzo do 2017 Redacción

A quinta edición do HackForGood celebrábase do 9 ao 11 de marzo en quince sedes estatais ao tempo, nelas desenvolvíanse 150 aplicacións tecnolóxicas desenvolvidas por máis de 1.500 hackers de toda España co obxectivo de resolver os 200 retos sociais propostos pola organización mediante o uso masivo de datos. E nesta quinta edición do HackForGood seis estudantes do derradeiro curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo decidían presentar o seu proxecto académico, Learnfordown, obtendo o segundo premio deste certame. Asemade, esta iniciativa tamén era presentada á terceira edición viguesa do encontro HackforGood, acadando o primeiro posto.
Así, Juan Fernández, Francisco González, Cristina González, Aaron Diéguez, Susana Díaz e Alejandro Fernández, responsábeis do Learnfordown, facíanse co segundo premio nacional HackforGood Global 2017, un galardón de 3.000 euros, mentres que o primeiro premio (un semáforo para invidentes desenvolvido en Valencia), percibirá 5000 e o terceiro, Biocast de Sevilla, terá un premio de 1000 euros.
E en que consiste este Learnfordown? Pois é unha aplicación para que os nenos coa síndrome de Down aprendan a ler e escribir. A idea xurdiu dunha demanda da Asociación Down Coruña, que lle foi achegada a unha das creadoras da app, Susana, quen ten un irmán con estas características. A propia asociación colaborou arreo na materialización do proxecto, guiando aos estudantes no seu traballo de darlles forma aos elementos do proxecto: unha aplicación móbil Android, un sistema hardware (joystick, botóns, placa Arduino, teclado) e un sistema de seguimento mediante unha interface web.
Tralo éxito acadado nos certames estatal e vigués de HackForGood, as e os promotores de Learnfordown informaron da súa intención de seguir impulsando a súa proposta, que segundo informa a Universidade de Vigo, “cando menos ten que proseguir até o mes de abril, que é cando remata a materia de grao para a que foi creada a aplicación”. A equipa gañadora coincide en salientar que con este proxecto superáronse as súas propias expectativas. “Non agardabamos o recoñecemento acadado e xa que tivo interese podería ser interesante continuar”, sinala Juan Fernández. Esta edición do HackForGood contou coa participación das cátedras Telefónica dunha vintena de universidades, entre elas a de Vigo.

PUBLICIDADE