Seis mulleres transformadoras toman a palabra este venres (en Santiago) en As Nosas
martes, 3 de marzo do 2026
A terceira edición de As Nosas, o evento da asociación Startup Galicia sobre as mulleres que moven Galicia, celebrarase o próximo venres 6 de marzo na Fundación Casa RIA de Santiago de Compostela, co apoio do Instituto Gallego de Promoción Económica (IGAPE) e Abanca Innova. Reunirá 50 persoas ao redor das experiencias de 6 mulleres líderes do seu sector e emprendedoras.
O obxectivo de As Nosas é “inspirar, dar visibilidade ao talento feminino que xa están xogando papeis de peso na economía galega e contar experiencias, tamén desde o lado máis persoal, á hora de emprender ou dirixir proxectos”, informou Startup Galicia.
O programa deste ano, no bloque dedicado a referentes, participarán Zaza Ceballos, directora de Zenit TV, produtora, guionista e directora de televisión e cine, recoñecida coa Medalla Emilia Pardo Bazán, co Premio Cultura Galega na categoría de creación audiovisual, e a Medalla de Ouro de Galicia, cunha dilatada carreira no sector da televisión e a produción audiovisual; María José Cousilla, directora de Kusilas, destacada empresa do sector téxtil galego, e Yanina Hallak, director executivo (CEO) e co-fundadora de UARX Space, empresa galega que ofrece transporte espacial, viaxes compartidas e servizos de lanzamento dedicados para pequenos satélites desde órbita terrestre baixa.
Pola banda das emprendedoras, os asistentes poderán escoitar a Noelia López, directora executiva (CEO) e co-fundadora de Envita, empresa de innovación social que impulsa unha nova forma de abordar o envellecemento incorporando a historia de vida á práctica clínica, terapéutica e social; Bibiana Rodiño fundadora e CEO de BETA Implants, proxecto de base tecnolóxica dedicado ao deseño, desenvolvemento e fabricación de implantes e material cirúrxico a medida para traumatoloxía, ortopedia e neurociruxía veterinaria; e Cristina Gamallo socia fundadora de Situm, proxecto de posicionamento en interiores e guiado, desenvolvendo ferramentas para mellorar a experiencia dos visitantes en grandes espazos interiores e exteriores.
En As Nosas tamén haberá espazo para o networking, porque o formato busca tecer alianzas entre os asistentes e crear una rede de apoio ás mulleres e mozas que queren emprender en Galicia, marcando o camiño para as seguintes xeracións.
