Seis proxectos de CLUSAGA impulsan a dixitalización do noso sector alimentario

venres, 12 de abril do 2024 S. P.

O Clúster Alimentario de Galicia (CLUSAGA) vén de presentar os resultados de IA40WASTE, MEATwin, DIG4.0VO, VitIA 5.0, POWERLOG e AGROVOLTECH, seis proxectos de dixitalización, I+D+i, aplicación de novas tecnoloxías e industria 4.0, nunha xornada de demostración celebrada este xoves 11 de abril en Santiago de Compostela, que contou con máis de 70 asistentes.
A presentación destas iniciativas, todas elas financiadas no marco do programa de apoio a Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEIs) do Ministerio de Industria e Turismo (MINTUR), e pola Unión Europea a través dos Fondos Next Generation, levouse a cabo nun escenario inmellorábel: un evento dedicado integramente á dixitalización e innovación da industria alimentaria de Galicia.
Así, a axenda da xornada, cuxa benvida correu a cargo de Roberto Alonso, director de CLUSAGA, incluíu a presentación de resultados destas seis iniciativas, así como doutras tres enmarcadas no proxecto europeo HIGHFIVE de CLUSAGA: PREVAI, BUPAIC e CREAMSENS.
a continuación, Eladio Otero, subdirector de Desenvolvemento de Negocio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), deu a coñecer algunhas das axudas á dixitalización que
a Xunta de Galicia pon á disposición das empresas.
Para rematar as presentacións, AOTECH, ASM Soft, Captology Gestión, Perfect Numbers, Docuten Tech, EligeData, Emenasa Industria y Automatismo, Himikode, Indutec Ingenieros, Innogando, InprOTech, Logicmelt, NIGAL, Plexus Tech, Seresco, Soltec Ingenieros e TripleAlpha Innovation, todas elas empresas tecnolóxicas asociadas a CLUSAGA, deron a coñecer, nunha rolda de presentacións en formato pitch, as súas solucións e servizos para a transición dixital do sector alimentario.
Como colofón, foi a quenda do espazo networking, que contou cunha exposición de demostracións tecnolóxicas da man das socias do Clúster AOTECH, Logicmelt e Seresco, así como con reunións B2B e, en definitiva, múltiples oportunidades de colaboración para as persoas asistentes.
Dixitalización para impulsar a competitividade do sector
Os seis proxectos que, tras un ano de execución, presentaron en primicia os seus resultados, involucraron a un total de 28 entidades socias de CLUSAGA, das cales 7 son empresas do sector da alimentación e das bebidas ás que o Clúster acompaña na súa transformación dixital. Así, cabe destacar que IA40WASTE, MEATwin, DIG4.0VO e VitIA 5.0, foron coordinados e presentados polo Clúster, contando co apoio da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, unha iniciativa da Xunta de Galicia e CLUSAGA para captar Fondos NextGenEU no sector.
IA40WASTE contou coa participación de TripleAlpha Innovation, Logicmelt, Kiwi Atlántico, Pereira Productos del Mar e DIHGIGAL para cumprir o seu obxectivo de minimizar as mermas de produción das empresas alimentarias. Entre os principais resultados, salienta a aplicación de écnicas de Intelixencia Artificial para mellorar a eficiencia dos procesos grazas ao deseño de dashboards, así como o desenvolvemento de modelos de predición para optimizar os principais KPIs de produción. En paralelo, aplicáronse técnicas avanzadas de Visión Artificial e Edge Computing para a inspección de defectos na liña de produción.
MEATwin involucrou a Jamones González, TripleAlpha, Kaizen Institute, RIA 21, ANFACO-CECOPESCA e a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne para desenvolver un Xemelgo Dixital personalizado que permita optimizar os procesos produtivos da industria cárnica. Outras solucións desenvolvidas no marco do proxecto, todas elas dotadas de avanzadas ferramentas de ciberseguridade, foron a detección da calidade do produto mediante Visión Hiperespectral, a aplicación de técnicas de Lean Manufacturing para a mellora de procesos, ou o desenvolvemento dun sistema de predición da demanda.
DIG4.0VO incluíu no seu consorcio a Campomayor, Pentabiol, ASM Soft, ITG e Medrar Smart Solutions para dotar ao sector avícola de posta dunha nova ferramenta que, baseada no Xemelgo Dixital, mellora o control da calidade, a produtividade e a sustentabilidade, e integra todos eses datos permitindo xerar escenarios de máxima eficiencia. Entre os resultados expostos tras a execución do proxecto salientan tamén a mellora da calidade do ovo e do benestar animal, grazas ás melloras na alimentación e á incorporación de novos postbióticos e formulacións baseadas na Economía Circular.
Pola súa banda, VitIA 5.0 contou con Viña Costeira, Paco&Lola, NIGAL, Perfect Numbers, Microfy Systems, Tastelab, Seresco, InprOTech e VITEC para a optimización integral de todo o proceso vitivinícola, dende a parcela de produción ata o punto final de venda. Estes resultados foron acadados integrando as tecnoloxías de microscopía máis avanzadas para permitir unha fermentación de precisión, aplicando Internet das Cousas (IoT) e aprendizaxe máquina (Machine Learning) para incrementar a sustentabildiade dos procesos, implementando sistemas predictivos de calidade do viño e da demanda do consumidor, e xestionando a información a través de novos sistemas dotados dunha potente ferramenta de ciberseguridade.
Xunto co seu papel de coordinación nos catro proxectos anteriores, CLUSAGA participou noutras dúas iniciativas de dixitalización ao abeiro da mesma convocatoria, mais en calidade de membro do consocio: POWERLOG e AGROVOLTECH.
POWERLOG, coordinado por DIHGIGAL, contou tamén con Nueva Pescanova, Visual Trans, ITG e Cuatro Digital para desenvolver unha plataforma de optimización loxística que, baseada en IA (Intelixencia Artificial) e Computación Cuántica, permitirá á industria alimentaria seleccionar as rutas óptimas a través de dous algoritmos de predición que, en base a datos históricos, poden estimar o prezo e os atrasos nos servizos.
O segundo deles, AGROVOLTECH, liderado polo Clúster de Energía del País Vasco, e integrado tamén por Libelium, Powerfultree e PISA, desenvolveu unha ampla rede de sensórica para a orientación intelixente de placas de agrovoltaica, permitindo a obtención de enerxía no medio rural e maximizando o rendemento dos cultivos grazas ao sombreado intelixente.
Proxectos beneficiarios de HIGHFIVE
Durante a xornada tamén se presentaron PREVAI, CREAMSENS e BUPAIC, tres proxectos para a transición verde e dixital do sector alimentario financiados pola UE ao abeiro do proxecto HIGHFIVE, unha iniciativa europea na que participa CLUSAGA. PREVAI, implementado por TripleAlpha e Quescrem, desenvolveu unha ferramenta de previsión da demanda e a compra baseada en IA para optimizar os procesos de produción na queixería. Pola súa banda, BUPAIC, iniciativa de AOTECH e Glaücor Ingeniería, está a traballar no deseño de sistemas continuos de medición da humidade en manteiga a través de tecnoloxía NIRS para automatizar o proceso de dosificación da auga. Para rematar, Queizuar e ANFACO-CECOPESCA están a traballar en CREAMSENS, que persegue a monitoraxe continua de parámetros de calidade en soro lácteo mediante sensórica avanzada, optimizando así os procesos para a súa valorización.

PUBLICIDADE