Seleccionan como caso de éxito en Colombia un proxecto de innovación da CRTVG e AMTEGA

venres, 29 de novembro do 2019 Marcus Fernández

A proposta da TVG para a televisión do futuro foi seleccionada como caso de éxito no II Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación, celebrado esta semana en Medellín (Colombia). Neste encontro participaron máis de 150 persoas de Iberoamérica especialistas na innovación das empresas e institucións públicas, como a Axencia Galega para a Innovación (GAIN) e a Axencia do Coñecemento en Saúde (ACIS).
Neste foro, o director de Innovación e Negocio da CRTVG, José Pereira, explicou o proxecto PETISCO, unha plataforma que vai permitir a conexión de diferentes dispositivos para xerar unha experiencia audiovisual moito máis enriquecedora baseada na interacción, na seguridade e nos contidos de calidade. Xunto coa AMTEGA, PETISCO foi xestionado a través dun proceso de Compra Pública de Innovación, o que permitiu que máis de trinta empresas participasen na concepción do proxecto, na definición dos obxectivos e no deseño de solucións tecnolóxicas innovadoras. Na actualidade, esta iniciativa atópase na fase de licitación, despois de superar as fases de negociación co mercado audiovisual e TIC.

PUBLICIDADE