Senén Barro expón os avances do CiTIUS no foro Future Trends de Madrid
xoves, 15 de xuño do 2023
Á 20ª edición do foro Future
Trends, que se levou a cabo esta semana (do 12 ao
14 de xuño en Madrid) promovido pola Fundación Innovación
Bankinter,
acudía Senén Barro, director científico do CiTIUS para falar das
liñas de investigación do centro con potencial aplicación no eido
da neurotecnoloxía.
“Hoxe só mencionarei tres; pero, dunha maneira ou outra, todas as
liñas de investigación do CiTIUS teñen unha potencial aplicación
na neurotecnoloxía”. Con estas palabras comezaba Senén Barro a
súa intervención no foro Our future selves: from repairing to
enhacing human capabilities.
Ao longo da súa intervención neste encontro, enmarcada nun panel
titulado Entidades de Intelixencia artificial e Neurociencia,
o máximo responsábel do CiTIUS compartiu cartel con Viktor Jirsa,
director científico de EBRAINS: unha nova infraestrutura dixital de
investigación financiada pola Unión Europea a través do Proxecto
Cerebro Humano, que reúne unha ampla gama de datos e ferramentas
para a investigación relacionada co cerebro.
Tras unha breve introdución sobre o centro e o seu persoal, Senén
Barro debullou algúns dos resultados recentes do CiTIUS. Salientou
as achegas recentes na área do deseño de chips intelixentes:
“un dos principais resultados da nosa área científica relacionada
co deseño electrónico de dispositivos intelixentes é o
desenvolvemento dun recolector de enerxía luminosa biocompatíbel e
totalmente autónomo”, indicou. “Partindo dunha cantidade ínfima
de enerxía -que podería achegar o propio organismo- podemos
amplificala para alimentar outros chips -como sensores- en
calquera parte do corpo, incluído o cerebro”. Tamén na área de
deseño de chips citou a participación do centro no proxecto
MISEL, “cuxo obxectivo é levar a intelixencia artificial ao propio
hardware” (*edge computing), “*e conseguir un sistema de visión
autónomo e bioinspirado, optimizado tanto en tamaño com en peso ou
consumo”. Un proxecto que abre o camiño a unha nova xeración de
dispositivos “potencialmente implantábeis, mesmo no cerebro”.
Asemade, o director científico citou tamén o traballo desenvolvido
no Laboratorio de R ealidades Intangibles do CiTIUS, implicado
en como pode empregarse a Realidade Virtual multi-persoa en
contribucións a eidos como a simulación científica, a
visualización de datos ou a educación. “Un dos resultados máis
recentes e interesantes demostra que a RV pode producir efectos
perceptivos comparábeis aos das drogas psicodélicas, sen os seus
riscos asociados”, engadiu.
Finalmente, Senén Barro aludiu á liña de investigación centrada
no paradigma de Aprendizaxe Federada: “aplicamos esta técnica para
detectar automaticamente a actividade física dunha persoa,
simplemente usando os sensores inerciais do seu smartphone”,
afirmou. “Pero tamén é posíbel, por exemplo, diagnosticar as
primeiras fases da doenza de Alzhéimer a partir dos patróns de
movemento durante a nosa vida cotiá, ou diagnosticar a enfermidade
de Párkinson a partir dos patróns de escrita nos teclados dos
dispositivos persoais, cando a enfermidade comeza a aparecer”. O
director do centro fixo fincapé nun dos asuntos clave, a privacidade
da información: “unha das características da Aprendizaxe Federada
é que os datos que se obteñen de cada dispositivo só se empregan
para aprender un modelo local, que será o que posteriormente se
utilice no marco dun modelo global. “A principal vantaxe diso é
que este modelo global achega mellores resultados de saída que os
modelos locais e, ao mesmo tempo, é capaz de preservar a privacidade
dos usuarios, porque os datos que serven para crear o modelo
exportado nunca chegan a saír dos dispositivos, respectando así a
intimidade das persoas”. Para rematar engadiu que: “Sen dúbida,
as posibilidades das neurotecnoloxías e a IA son enormes, e aínda
están por descubrir e desenvolver”.