Sennheiser lanza unha nova solución de son sen fíos para o televisor

xoves, 22 de xaneiro do 2026 Redacción

A célebre marca de son profesional Sennheiser anunciou o lanzamento dos seus novos auriculares RS 275 TV, un sistema de audio persoal sen fíos pensado para gozar de películas, series e retransmisións deportivas cun son de alta calidade e sen molestar a outras persoas do fogar. O produto comercialízase como un paquete que combina os auriculares HDR 275 cun transmisor dixital BTA1, deseñado para achegar capacidades Auracast a calquera espazo de escoita.
O conxunto aposta por unha experiencia de uso sinxela e altamente personalizable. Grazas á tecnoloxía de transmisión Auracast, baseada no códec Bluetooth LC3, o sistema ofrece unha sincronización de audio e imaxe con latencia moi baixa e un alcance de ata 50 metros. Ademais, os auriculares poden conectarse tamén a outros dispositivos compatibles con Auracast ou Bluetooth clásico, como teléfonos móbiles ou tabletas, o que permite continuar a escoita fóra do salón, por exemplo na cociña ou no dormitorio.
Dende a marca aseguran que «a medida que as pantallas son cada vez máis finas, os seus altofalantes tamén o son, o que dificulta gozar dun son completo sen molestar aos demais», de aí que lancen produtos como estes novos auriculares, que resultan moi prácticos en momentos nos que os altofalantes integrados do televisor resultan insuficientes como cando o volume resulta excesivo para o resto da casa.
Os auriculares RS 275 están pensados para un uso prolongado: teñen un deseño lixeiro, un peso comparable ao dun mando a distancia convencional, e mesmo almofadas transpirables e suaves que buscan un axuste cómodo incluso en sesións longas.
Os seus controis físicos, de grande tamaño e con textura, permiten xestionar o volume (ata 106 dB), a alimentación ou as chamadas entrantes. A autonomía acada ata 50 horas cunha soa carga, e tanto a batería como as almofadas poden substituírse polo usuario, co obxectivo de prolongar a vida útil do produto.
O sistema pode configurarse en poucos minutos tras sacalo da caixa, aínda que quen o desexe pode ampliar as opcións mediante a aplicación gratuíta Sennheiser Smart Control Plus, dispoñible para Android e iOS. A través desta aplicación móbile é posible axustar parámetros como o equilibrio esquerda-dereita, perfís de escoita, modos segundo o tipo de dispositivo ou mesmo localizar os auriculares en caso de extravío. Tamén se inclúen ferramentas para mellorar a intelixibilidade das voces, reforzar os graves ou reducir ruídos de fondo, cun modo específico que elimina as interferencias e consolida o sinal en mono, pensado para contidos máis antigos.
O transmisor BTA1 funciona como o núcleo do sistema. Emprega exclusivamente Auracast para cubrir o espazo cun sinal sen fíos compatible con auriculares, audífonos e altofalantes. Dispón de entradas óptica e minijack de 3,5 milímetros, así como HDMI ARC, o que facilita a integración con televisores, consolas, ordenadores ou receptores A/V. Desde os botóns superiores pódense cambiar manualmente as entradas e activar modos como o son envolvente virtual ou a mellora do diálogo. A configuración avanzada (dende o móbil) inclúe detalles como a compensación de atraso de vídeo ou a protección con contrasinal das emisións Auracast.
O lote de auriculares con transmisor terá un prezo de 249,90 euros, mentres que o transmisor solto poderá adquirirse por 129,90 euros. A reserva dos produtos en Alemaña abrirase o vindeiro 3 de febreiro, lanzándose o produto o día 17.