Sennheiser presenta os seus auriculares de clip

xoves, 18 de xuño do 2026 Redacción

Os auriculares abertos con forma de clip son cada vez máis frecuentes, e a última marca en sumarse á tendencia é Sennheiser con novos Accentum Clip, que combinan unha experiencia que buscan non illar do ambiente cun audio de alta resolución, conectividade avanzada e unha autonomía de ata 36 horas.
Os Accentum Clip están deseñados para permitir que os usuarios sigan escoitando o que acontece ao seu redor sen recorrer a modos electrónicos de transparencia. Incorporan un transdutor dinámico de 12 milímetros optimizado para ofrecer claridade, graves contundentes e agudos suaves. Contan coa certificación Hi-Res Audio Wireless e empregan unha ecualización dinámica que adapta automaticamente a resposta sonora aos distintos niveis de volume para manter o equilibrio tonal e minimizar a distorsión.
A compatibilidade inclúe os codecs SBC e AAC, ademais de Google Fast Pair para unha vinculación rápida cos dispositivos compatibles. Tamén é posible activar o codec LDAC para a transmisión de audio a alta taxa de bits en equipos compatibles. A aplicación Sennheiser Smart Control Plus permite personalizar a experiencia mediante un ecualizador de cinco bandas, predefinicións compartibles e ferramentas de axuste guiado do son.
Cada auricular pesa só 6,8 gramos e incorpora unha ponte flexible de silicona destinada a garantir un axuste estable en diferentes tipos de orella. O deseño está pensado tanto para os desprazamentos diarios como para a práctica deportiva, contando cunha certificación IP54 de resistencia ao po e á suor.
Os controis táctiles integrados permiten xestionar o volume, as chamadas e a reprodución multimedia. Sennheiser asegura ademais que a xeometría dos altofalantes e o sistema de amortecemento acústico contribúen a reducir as fugas de son cara ao exterior.
A autonomía alcanza as nove horas cunha única carga, mentres que o estoxo de carga proporciona tres recargas adicionais para chegar ata as 36 horas de uso total. A carga rápida mediante USB-C permite obter dúas horas de reprodución tras apenas dez minutos conectado á corrente.
Os Accentum Clip empregan Bluetooth 6.0, con compatibilidade para conexión multipunto e uso independente de cada auricular. Para as chamadas de voz integran dous micrófonos en cada unidade xunto cun algoritmo de redución de ruído baseado en intelixencia artificial, destinado a mellorar a captación da voz en ambientes ruidosos.
Os novos auriculares estarán dispoñibles en acabados negro e crema, cun prezo que en Canadá será duns 269,99 dólares (166 euros ao cambio). Chegarán a tal mercado o 23 de xullo, sen indicarse cando chegarán a Europa (aínda que confíase en que a data de lanzamento europea non estea moi distanciada no tempo).

O formato de clip resulta moi acaído para a práctica deportiva