Senssia converte en experiencia virtual a nosa busca do fogar ideal

venres, 19 de xaneiro do 2018 Fernando Sarasketa

Senssia, emprega galega de mobiliario de cociña e baño, presentou esta semana en Santiago, no Hotel Los Abetos, a súa nova liña de innovación, unha estratexia que pasa por introducir a virtualidade e os espazos en 3D no achegamento dos clientes-usuarios á súa oferta de equipamento doméstico. Na cita cos medios deuse a coñecer un software especificamente deseñado para experimentarmos virtualmente os elementos de Senssia e os espazos onde se insiren eses elementos: o software TeoLive.
Amais desta ollada ao futuro, da empresa fixo balance dos seus catro anos de andaina, achegando os principais fitos de mercado do período (por exemplo a súa facturación de 1.604.000 euros, un 30% máis que o pasado ano) e, tamén, os grandes desafíos aos que se enfronta en 2018 (por exemplo ampliar o número de tendas nun 10%).
Porén, unha das grandes cuestións tratadas na cita en Santiago foi o papel despregado pola empresa a prol da innovación e a Industria 4.0, un compromiso coa tecnoloxía que se traduciu en produtos de mellores prestacións, novos métodos de comunicación e avances no sistema de embalaxe e entrega. Nun plano máis concreto, o ano pasado Senssia puxo en marcha o servizo Vistas 360 graos, que achega percorridos virtuais que permiten mostrar espazos e ambientes, interactuando con eles. De maneira complementaria, a empresa lanzou tamén un ambicioso catálogo de 140 páxinas a toda cor que fornece dous tipos de lectura. Por unha banda mostra a colección “máis innovadora e rompedora”, onde o espazo e a contorna son os verdadeiros protagonistas: as imaxes que se representan tratan de pór en valor a arquitectura industrial mesturada co recordo. Doutra banda, preséntase un ambiente máis íntimo, un lugar onde compartir momentos coa familia, “apostando por recuperar a tradicional idea da cociña como o epicentro do fogar”, explican dende Senssia, engadindo que o carácter pioneiro do catálogo e os resultados obtidos valéronlle para obter o I Premio Paraugas de Comunicación e Mercadotecnia Galega.
Volvendo aos fitos e retos presentados, sen dúbida foi o software TeoLive unha das grandes estrelas da cita cos medios de comunicación. Segundo explicaron os responsábeis da empresa galega, trátase dunha evolución na maneira de presentar os proxectos, podendo visualizalos a través dunhas lentes de realidade virtual, permitindo a interacción cuns mandos. “O que posibilita esta aplicación”, explicaron, “é poder viaxar a outro mundo, interactuando virtualmente con todo o que nos rodea, permitindo un certo grao de desprazamento físico e seguimento real coas mans”. Grazas a TeoLive, engadiron, “o usuario sente plenamente a posición das mans na escena da súa cociña deseñada”, quedando os movementos físicos dos mandos plasmados no desprazamento físico que se fai dentro do espazo doméstico virtual (cociña, baño, salón, etc). Desta maneira, os pasos que se dan tamén se trasladan á contorna recreada.

PUBLICIDADE