Seresco doa 3.825 euros a entidades sociais coa iniciativa Nóminas Solidarias

martes, 8 de outubro do 2024 S. P.

Seresco, compañía tecnolóxica española con dependencias en Vigo comezou o mes de outubro cunha marcada vertente solidaria: cunha nova edición das súas Nóminas Solidarias, coas que a compañía realiza unha doazón anual en función do seu crecemento na externalización de nóminas. Desta volta Seresco logrou recadar 3.825€ que serán destinados ao Servizo Xesuíta a Migrantes de Almería, a Associação de Apoio à Criança Abandonada e a Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica no marco das accións de responsabilidade social corporativa da tecnolóxica.
O proxecto solidario, impulsado desde o ano 2014, implica a doazón de 60 céntimos por cada nova nómina externalizada e xestionada desde a plataforma de outsourcing de Seresco durante o exercicio anterior.
Como dixemos, nesta edición, a doazón irá destinada a partes iguais entre o Servizo Xesuíta a Migrantes de Almería, cuxo foco reside en acompañar, servir e defender ás persoas migrantes e acompañalas no seu proceso de integración na sociedade española; a Associação de Apoio à Criança Abandonada, cuxo cometido é axudar aos nenos de familias sen recursos con comida, educación, saúde, roupa, aloxamento ou tratamento médico, en definitiva, todo o que necesitan para mellorar a súa calidade de vida; así como á Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica, enfocada en aglutinar, fortalecer, formar e coordinar os esforzos e actividades das entidades que traballan a favor das persoas con discapacidade física e orgánica para defender os seus dereitos e mellorar a súa calidade de vida.
Desde o seu nacemento en 2014 o proxecto de Nóminas Solidarias de Seresco doou case 34.000€ a iniciativas solidarias e colaboracións con entidades sociais.
En palabras de Andrés Riveiro, responsábel da área de Nómina: “En Seresco, estamos comprometidos con visibilizar e expandir as nosas políticas de responsabilidade social corporativa. Iniciativas como o proxecto Nóminas Solidarias bríndannos unha dobre satisfacción: non só alcanzamos os nosos obxectivos empresariais, senón que tamén apoiamos causas solidarias, permitindo aos nosos clientes unirse a este esforzo.”
No marco das diferentes accións de RSC, a compañía tecnolóxica que cotiza no BME Growth e cuxa área de nómina e recursos humanos xestiona máis de 3,6 millóns de nóminas ao ano, continua co seu firme apoio a iniciativas solidarias nun compromiso cos seus empregados e a sociedade no seu conxunto.