Seresco e GNOSS únense para liderar a revolución da Intelixencia Artificial Semántica

martes, 21 de maio do 2024 S. P.

Seresco, compañía española de solucións tecnolóxicas e transformación dixital de empresas e organismos públicos, chegou a un acordo de colaboración con GNOSS para abandeirar o mercado da Intelixencia Artificial Semántica no ámbito estatal e ofrecer deste xeito solucións conxuntas que permitan poñer ao dispor do sector unha plataforma cognitiva de desenvolvemento personalizábel e con capacidade de adaptarse no tempo ás necesidades do usuario. GNOSS é unha organización con máis de 20 anos de experiencia na creación e o desenvolvemento de solucións baseadas en IA Semántica e grafos de coñecemento.
Coa sinatura deste acordo, GNOSS pon ao dispor de Seresco unha plataforma de desenvolvemento propia, GNOSS Semantic AI Platform, orientada á xeración, construción e explotación de grafos de coñecemento interpretados semanticamente; así como GNOSS Sherlock, servizos cognitivos e de IA, Sherlock.gnoss.ai, un conxunto de servizos que posibilitan enriquecer a información representada nos grafos utilizando técnicas avanzadas de procesamento e comprensión de linguaxe natural baseadas en Aprendizaxe Automática e Profunda (Deep Learning) e redes neurais co-evolutivas e IA Xenerativa.
En palabras de Susana López Sola, responsábel comercial de GNOSS, “este acordo de colaboración axudaranos a fomentar a venda cruzada das nosas solucións e axudaranos a desembarcar en mercados aos que aínda non tiveramos posibilidade de chegar. A Intelixencia Artificial Semántica e os grafos de coñecemento posúen un gran potencial e as súas aplicacións son descoñecidas por gran parte do sector. Con todo, unha correcta implementación pode desencadear unha vantaxe competitiva significativa”.
Seresco, pola súa banda, como compañía tecnolóxica decana no ámbito estatal, abre a porta a GNOSS a mercados e sectores internacionais nos que a empresa está asentada. Deste xeito, Seresco incluirá nos seus servizos a IA Semántica, o que permitirá á multinacional ofrecer unha serie de solucións totalmente disruptivas e que en sectores como o da transformación dixital poden ter un peso moi significativo.
Lembrar que Seresco conta con máis de 1.000 traballadores e 3.000 clientes e posúe sedes en Madrid, Barcelona, Oviedo e Vigo. Fóra das nosas fronteiras atópase en 20 países, entre eles, Portugal, Costa Rica, Colombia, Perú, Ecuador e Bolivia
“Desde Seresco traballamos de maneira constante para incorporar ao noso catálogo solucións de vangarda que poidan ser de utilidade para os nosos clientes. Así pois, coa sinatura deste acordo de colaboración, potenciamos as nosas capacidades nas áreas de Servizos de Transformación Dixital e Consultoría e Software, dotando aos nosos clientes dunha solución moi potente e cun abano de posibilidades inmersivas case sen límite”, apunta Andrés Riveiro, responsábel da área de Servizos de Transformación Dixital.
Beneficios e aplicacións da Intelixencia Artificial Semántica
A IA Semántica é unha póla avanzada da IA que vai máis aló do simple procesamento de palabras ou frases soltas. Está deseñada para entender o contexto e a intención da linguaxe humana, o que lle permite interpretar e responder con maior precisión na comunicación. Este enfoque baséase na idea de que as máquinas poden aprender a entender a forma en que os humanos utilizamos a linguaxe e os conceptos implícitos na comunicación.
Ao centrarse no significado das palabras e os conceptos, a IA Semántica pode mellorar a procura e a capacidade de atopar información, permitindo un acceso máis rápido a contidos relevantes para clientes e empregados. Tamén pode axustar o contido á intención do usuario, garantindo que a información necesaria estea dispoñíbel para todos.
Na IA Semántica converxen sistemas simbólicos de IA baseados en grafos de coñecemento semanticamente interpretados con técnicas non-simbólicas que melloran o rendemento e lles engadan aprendizaxe e capacidades analíticas e perceptivas. Os grafos de coñecemento entenden calquera feito sobre persoas, lugares e todo tipo de cousas e como todas estas entidades están conectadas entre si. “É unha forma de conectar e unificar de maneira significativa a información e facela interrogábel de maneira natural para as persoas co fin de lograr unha web máis intelixente”, destacan fontes de Seresco, engadindo que “entre as aplicacións habituais da IA Semántica inclúense solucións de interrogación e descubrimento, recuperación da información, recomendacións, sistemas de xeración de contextos de información e recomendacións, solucións baseadas en Procesamento de Linguaxe Natural como extracción automática de información a partir de textos, clasificación e metadatado, ou resumo de textos, entre outras”.
Un dos proxectos destacados de GNOSS é a plataforma dixital do Museo do Prado. Unha das aplicacións desta plataforma é unha liña do tempo que permite dotar dun contexto histórico amplo e multidisciplinar que os enmarque, explicar e universalice; contexto que á vez permite ao Prado e á súa colección funcionar como porta de acceso ao coñecemento no seu conxunto ao ser capaces de responder a preguntas como: Que estaba a compoñer Beethoven cando Goya asinaba o seu último autorretrato? Que pasaba nese momento en Francia? Que estaba a escribir Hegel por esa época?
Seresco lembra que “este non é o único exemplo, xa que a Administración galega está a valerse das solucións de GNOSS co fin de aumentar a curiosidade e o goce do usuario á hora de descubrir o patrimonio cultural galego no seu conxunto; para iso está a consolidarse o conxunto de contidos xerados polas institucións da memoria de Galicia nun grafo de coñecemento unificado e representado semanticamente”. Así pois, algunhas das tarefas que se están levando a cabo ao longo do desenvolvemento do proxecto son: a construción e explotación do grafo de coñecemento do patrimonio cultural e histórico de Galicia e a ampliación do grafo de coñecemento da Revista Nós.