Seresco enxalza na presentación de Nubia a importancia da transformación das empresas

xoves, 12 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Seresco, firma tecnolóxica galega con sede en Vigo, presentou este xoves 12 a súa revolucionaria plataforma de xestión empresarial na sede AEMOS (Asociación de Empresarios de Mos), a plataforma Nubia, unha ferramenta que, segundo fixo saber a compañía viguesa, “permite mellorar até nun 10,5% a produtividade dos negocios”, amais de optimizar e facer máis eficaces e eficientes as tarefas e o control da calidade.
Seresco, na sesión, tamén puxo o foco nas portas que abre Nubia en materia de transformación e adaptación aos novos tempos: uns tempos que esixen ás empresas as máximas dixitalización e inmediatez, ao tempo que brinda un escenario onde será fundamental que estean presentes, grazas á nube e aos novos servizos TIC, na máxima cantidade de sitios posíbeis.
Nubia é unha plataforma baseada na Internet das Cousas (IoT) e na computación na nube especializada na execución e no seguimento de procesos de verificación en traballos cun “alto compoñente de mobilidade”, explicou Carmen Díaz, responsábel de Proxectos para a Transformación Dixital de Seresco, engadindo que son (en boa medida) as esixencias en mobilidade e en volume de proxectos as que requiren sistemas de información conectados e integrados. Neste punto, dixo, Nubia automatiza procesos, permite xerar alertas e informes en industrias de gran dimensión operativa como o metal e a construción, e integra a chamada cadea de valor de grandes proxectos de forma sinxela e visual.
A aplicación permite “un uso multidispositivo e unha tramitación rápida, sinxela e segura do labor de verificación de tarefas”. Amais, salientou Carmen Díaz, adáptase a calquera modelo de traballo, executa copias de seguridade automatizadas e inclúe, por outra banda, recoñecemento de voz para facilitar o traballo sobre o terreo e axilizar a introdución de información nos eidos que requiren unha descrición detallada como observacións, explicacións de incidencias ou definicións de solucións.
Tamén xera mapas de cor mediante xeolocalización para analizar de maneira rápida e visual os proxectos, de tal maneira que pode comparar xeograficamente a carga de traballo e a dos diferentes equipos.

PUBLICIDADE