Seresco factura 23,9 millóns no primeiro semestre e aumenta os seus beneficios nun 25%

xoves, 31 de outubro do 2024 S. P.

Seresco, compañía española especializada en solucións tecnolóxicas e transformación dixital, obtivo 1,26 millóns de euros de beneficios no primeiro semestre do 2024, cifra que aumentou un 25% respecto ao mesmo período do ano anterior.
Así mesmo, a tecnolóxica asturiana con sede en Galicia (dende hai máis de cincuenta anos) facturou 23,9 millóns de euros no primeiro semestre do ano, o que supón un incremento do 20% respecto á mesma data no exercicio previo. No balance a empresa fai saber que os ingresos ordinarios incrementáronse nun 23% e os ingresos totais nun 20%.
Ademais, o EBITDA axustado elevouse ata os 2,88 millóns de euros, medre que vén explicado polo incremento no volume de negocio e pola incorporación de negocios dun maior valor engadido.
No balance engádese que “durante o primeiro semestre de 2024 non se realizaron novas operacións corporativas significativas” e que “o período estivo marcado pola estabilización da adquisición de CIES, empresa de ciberseguridade adquirida a finais de 2023”. En concreto, os esforzos centráronse en integrar a en os aspectos operativos, tecnolóxicos e financeiros do grupo, co obxectivo de maximizar sinerxías e fortalecer a oferta de solucións en ciberseguridade.
A organización achega servizos a máis de 3.000 clientes de todas as partes do mundo. Seresco, fóra das nosas fronteiras, conta con delegacións en Portugal, Costa Rica, Colombia, Bolivia e Perú, ademais de ter foco de actividade en máis de 20 países. Son estes últimos territorios nos que a compañía viu multiplicada a súa presenza nos últimos anos, experimentando un gran crecemento en áreas como cartografía e catastro, negocio polo que están a apostar decididamente en Latinoamérica.
No último ano, Seresco obtivo un contrato de alta relevancia no Perú para levar a cabo o levantamento catastral urbano nas cidades de Lambayeque e Piura, así como en varias localidades da provincia de Lima. Ademais, estas accións están a reproducirse noutros países da rexión.
Seresco engade que este crecemento da actividade fóra das nosas fronteiras está a impulsar a internacionalización da entidade, elemento diferencial á hora de alcanzar o obxectivo de facturar 68,3 millóns de euros o próximo ano.