Seresco nomea a Gabriel Salarich novo director rexional do leste de España

martes, 2 de xullo do 2024 S. P.

Seresco, compañía tecnolóxica especializada en solucións tecnolóxicas e transformación dixital de empresas e organismos públicos, nomeou a Gabriel Salarich como novo director rexional para o leste de España. Desta forma, Seresco fortalece as súas capacidades e reforza a súa presenza en áreas estratéxicas como Cataluña e o resto do Mediterráneo. Como lembraremos, a compañía ten unha presenza máis que consolidada no centro, norte e noroeste da xeografía española, incluída Galicia, onde conta (en Vigo) cun dos seus máis destacados centros de actividade.
Segundo informaron fontes da empresa TIC, a zona leste, con Barcelona como epicentro, é igualmente un territorio clave para a organización. O reforzo na beira mediterránea do país recóllese na folla de roteiro da compañía, cuxo principal obxectivo é alcanzar no 2025 unha cifra de facturación próxima aos 70 millóns de euros. Nesta folla de roteiro sinálase o alto valor estratéxico que ofrece o mercado de clientes catalán, de “alto valor estratéxico”, característica aplicábel tamén ao mercado galego, segundo lembran dende Seresco, engadindo que estes mercados “son un compoñente crucial na facturación da compañía”.
Gabriel Salarich é licenciado en Ciencias Económicas, especializado en economía monetaria e sector público, pola Universidade Complutense de Madrid. Ademais, conta cun MBA na Escola de Negocios de Madrid. Gabriel posúe ampla experiencia liderando todo tipo de compañías, onde se focalizou en crear valor e obter crecemento, asegurando unha ganancia rendíbel de cota de mercado. Así mesmo, ten experiencia liderando o proceso de transformación dixital das devanditas compañías, nas que obtivo unha maior eficiencia e sustentabilidade.
Coa súa incorporación a Seresco, Gabriel será o encargado de dirixir a actividade na zona do Mediterráneo, mantendo o negocio existente e sendo o responsábel de implementar na comunidade o plan estratéxico da compañía.
“A zona leste da Península é un territorio que, historicamente, representou un bastión para Seresco. De feito, levamos máis de 25 anos en Barcelona, unha praza fundamental na folla de roteiro da compañía. Este nomeamento é unha clara aposta da entidade por seguir fortalecéndonos na comunidade e proporcionar aos nosos clientes un servizo aínda máis completo e que avance cara á excelencia”, apunta Carlos Suárez, conselleiro delegado de Seresco.