Seresco patrocina á campioa mundial de surf adaptado Carmen López
xoves, 16 de maio do 2024
A compañía Seresco, especializada en solucións tecnolóxicas e transformación dixital de empresas e organismos públicos, vén de anunciar o patrocinio de Carmen López, surfeira ovetense que en 2023 proclamouse Campioa de España e Medalla de bronce no Campionato do Mundo de Surf Adaptado e que conta no seu palmarés con varias medallas de ouro e prata en campionatos nacionais, europeos e mundiais.
Carmen López ten unha cegueira conxénita causada por un glaucoma, malia iso atopou no deporte unha fonte de liberdade e superación persoal: surf, boxeo, equitación ou escalada, son parte dos seus desafíos cotiáns.
Seresco, como empresa comprometida coa inclusión, a diversidade e a igualdade de oportunidades, apoia a Carmen na súa traxectoria profesional. Grazas ao patrocinio da compañía tecnolóxica que, como recordaremos, ten unha forte presenza en Galicia (dende a súa delegación de Vigo), a carreira de Carmen encamiñarase cara a un dos seus principais obxectivos: chegar aos Xogos Paralímpicos de Los Ángeles 2028.
Emporiso, a compañía Seresco, alén do apoio económico, levará a cabo acciones concretas que terán como obxectivo dar visibilidade aos logros e esforzos da moza deportista. O primeiro deles, o Campionato de España e de Galicia de Parasurf 2024, que se celebra na praia de Patos, en Nigrán (Pontevedra) onde Carmen compite na categoría Visual Impairment 1 (PS-VIN1) para persoas con afectación completa de visión.
Ao patrocinio de Carmen López por parte de Seresco hai que engadirlle o de Alba Cueva, nova piloto asturiana de karting que, con só 10 anos, é a única piloto feminina que participa na categoría Mini CEK do Campionato de España de Karting 2024.
Achegándonos un pouco a Carmen López, dicir que estudou Integración Social coa misión de axudar aos demais e especializouse en instrución de cans de asistencia para persoas con discapacidade. Comezou a surfear en 2013, pero foi en 2018 cando se decidiu polo surf adaptado de xeito profesional e arestora pertence tanto á Federación Asturiana de Surf como á Federación Española de Surf e conta cun amplo palmarés. Foi recoñecida co Premio Asturiana de braveza 2021, da Asociación Cultural para a Defensa dos Valores Humanos Yumper, e o Premio do Principado de Asturias ao Deporte Inclusivo 2023.