Servizos Sociais da Pobra e Amigos de Galicia formarán en novas ferramentas aos maiores do concello

martes, 4 de novembro do 2025 S. P.

A Concellería de Servizos Sociais da Pobra e a Fundación Amigos de Galicia celebrarán este mes de novembro un programa formativo co obxectivo de promover o emprego das novas tecnoloxías entre os máis maiores do municipio. Así o confirmou ese martes 4 de novembro a concelleira de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, que animou á veciñanza a sumarse a estas accións formativas "nas que aprenderán a usar o teléfono móbil e, sobre todo, sacar proveito deles para o seu día a día".
As sesións levaranse a cabo no Centro Sociocomunitario os luns 10, 17 e 24 de novembro en horario de 10.00 a 12.30 horas. En canto aos contidos, ao longo das actividades abordaranse cuestións como o uso de caixeiros automáticos e as máquinas de quendas, o emprego do teléfono móbil ou smartphone e da aplicación móbil do SERGAS/Chave 365.
As inscricións están xa dispoñibles, e as persoas interesadas poderán tramitar as súas solicitudes tanto no propio Centro Sociocomunitario como no departamento de Servizos Sociais.