Shadow of the Beast chegará a PS4 o 17 de maio

venres, 22 de abril do 2016 Marcus Fernández

Hai tres anos, cando no marco da Gamescom anunciouse que a PlayStation 4 chegaría ao mercado español o 29 de novembro, presentouse tamén un xogo exclusivo para PS4, Shadow of the Beast, que viña a ser un remake do clásico homónimo que vira a luz en 1989 para Commodore Amiga (chegando a moitas outras plataformas) e agora sabemos que este título non se fará agardar moito, xa que chegará á PlayStation Store o 17 de maio a un prezo de 14,99 euros, e incluso adiantan detalles das súas mecánicas de desprazamento lateral e combate, combinándose ataques normais con outros máis fortes (facendo uso de barras de ira) e contando incluso con movementos que permitirán eliminar a varios inimigos ao mesmo tempo.
O xogo non será acción pura, senón que combinará o frenetismo con momentos de plataformas nos que interactuar co escenario na procura de obxectos ou empregar teletransportadores para desprazarnos a outras zonas. Un aspecto fundamental do xogo será a Sabedoría das Sombras que acumularemos mentres progresemos e que nos permitirá mercar melloras para as habilidades de combate, novos movementos especiais e talismáns que poden equiparse para habilitar novas estratexias.
O funcionamento básico dos combates é moi sinxelo (os inimigos chegan pola esquerda ou pola dereita e haberá que matalos), pero deberemos progresar para conseguir que os inimigos sexan derrotados sen darlle tempo a infrinxirnos ningún dano, o que será un reto cada vez maior, de xeito que teremos que ir collendo velocidade na combinación de ataques básicos, contraataques, atordamentos, lanzamentos, ataques especiais, rodar, lanzar a Cólera de Aarbron, empregar as cadeas de furia e, sobre todo, facer uso do botón de bloqueo. Unhas mecánicas que podemos ver máis claramente en vídeo:

PUBLICIDADE