Shigeru Miyamoto recibirá o Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades

mércores, 23 de maio do 2012 Marcus Fernández

JPEG - 62.7 KB
Miyamoto recibindo un premio CEDEC en 2008

Tras presentar a súa candidatura en 3 ocasións, os responsables do Gamelab, a feira internacional do videoxogo e o lecer interactivo que se celebra en Barcelona, saíron coa súa, e conseguiron que Shigeru Miyamoto foxe elixido Premio Príncipe de Asturas da Comunicación e Humanidades na edición deste ano, recoñecendo así o traballo do que pode considerarse como o desenvolvedor de videoxogos máis influínte da historia, sendo elemento chave dentro do éxito de Nintendo e estando detrás da popularización do videoxogo como activador de mente, físico e social.
O director do Gamelab e presidente da Academia das Artes e as Ciencias Interactivas, Iván Fernández Lobo, ao recibir a noticia do Premio asegurou que “o anuncio deste galardón supón un pulo importante para a cultura dixital en España e no mundo, pois serán os creadores de videoxogos como Miyamoto os que inspiren os modelos de comunicación do século XXI. Grazas á súa influencia, falar de videoxogos hoxe en día e falar de comunicación global, dun xeito de expresión tan potente e democrático que lonxe de contradicirse cos xa existentes, absorbeunos e mellorounos a través da linguaxe da interacción”. Asegura que propuxeron a candidatura de Miyamoto por consideralo como o máximo expoñente da creación interactiva, colocando ao videoxogo como “un novo medio, capaz de xuntar ás persoas en torno a unha experiencia compartida, sen distinción de idade, sexo, condición social ou cultura”.
Nesta liña, o asesor de Gamelab, e un dos creadores de videoxogos máis recoñecidos de España, Gonzo Suárez, apuntou que “nas últimas décadas, Miyamoto estivo detrás de todas as revolucións tecnolóxicas e creativas que permitiron a expansión global do lecer interactivo, promovendo modos de xogos que puxeron de manifesto a potencia do videoxogo como activador mental, físico e social”.

Shigeru Miyamoto, a cabeza visible do sector dos videoxogos

A figura de Miyamoto é recoñecida internacionalmente, xa que este nipón nacido en Kyoto en 1952 conseguiu converter varias das súas obras en iconas da cultura popular, chegando a ser considerado coma o herdeiro de Walt Disney (hoxe en día Mario é máis coñecido polos cativos estadounidenses que o rato Mickey). A revista Time destacouno como un dos personaxes máis influíntes do mundo, IGN e GameTrailers consideran que é o creador de videoxogos máis importante da historia e incluso a Academia Británica das Artes Cinematográficas e Televisivas (BAFTA) recoñeceu o seu traballo, pero a auténtica valía deste profesional dos videoxogos pode verse mellor nas súas obras, pois foi quen creou o videoxogo Donkey Kong, no que nacería Mario, dando lugar á franquía de máis éxito no sector na que tamén produciríanse numerosas innovacións ao longo do tempo (Mario foi o primeiro personaxe en desprazarse libremente pola pantalla, introduciu o desprazamento lateral da cámara e foi o primeiro personaxe en moverse nun contorno tridimensional).
Miyamoto tamén foi responsable doutras franquías de éxito, como The Legend of Zelda, Star Fox, Pikmin e, nos últimos tempos produciu a series de xogos Wii (Wii Sports, Wii Fit...), popularizando un novo xeito de entender os videoxogos no fogar, no que algúns consideran que é unha das súas maiores contribucións á Industria.
Tras coñecer o galardón que recibirá, Miyamoto asegurou sentirse moi honrado, engadindo que "o labor de crear videoxogos é en boa medida un traballo en equipo e por este motivo síntome enormemente agradecido por ter sido elixido para recibir este ilustre premio. Como consecuencia, gustaríame recibir este premio en representación dos meus amigos e compañeiros, cos que creei videoxogos ao longo da miña carreira".

JPEG - 348 KB
Shigeru Miyamoto co español Gonzo Suárez
JPEG - 71.3 KB
Sigeru Miyamoto probando a nova audioguía do Louvre

PUBLICIDADE