Sientegalicia.com constata o empuxe das Rías Baixas e a Ribeira Sacra na Rede

martes, 19 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

Keina González Moure, co-fundadora do portal Sientegalicia

As mozas responsábeis do portal galego Sientegalicia.com, do que temos falado dende Código Cero salientando o seu carácter de referente en materia de innovación dixital aplicada ao turismo, veñen de lanzar un pormenorizado informe da actividade turística despregada na nosa terra ao longo do verán que estamos a piques de despedir, poñéndoa en relación (a actividade turística) cos novos xeitos de comezar, acompañar e rematar unha viaxe: xeitos tecnolóxico-dixitais. Entre os datos máis salientábeis do seu informe figuran o mantemento do pulo turístico das Rías Baixas (máis da metade dos turistas que veranean en Galicia elíxenas como destino) ou o empuxe experimentado pola Ribeira Sacra, que é o segundo punto de interese para os viaxeiros-internautas. Son datos extraídos directamente da actividade xerada (1.500.000 páxinas vistas durante a tempada estival) no seo do portal web especializado en venda de escapadas Sientegalicia.com.
No informe tamén se fai saber que o 60% dos turistas proceden de Madrid, Barcelona, Andalucía, Comunidade Valenciana ... mentres que o 30% son galegos que aproveitan os seus días de lecer “para gozar da nosa Comunidade”. O 10% restante son viaxeiros procedentes de países como Inglaterra, Francia etc. Porén, estes datos varían dependendo do mes en que se faga o rexistro. Así, a partir de mediados do setembro percíbese un cambio na tendencia e os clientes de Sientegalicia.com volven ser, na súa maioría, galegas e galegos que buscan “saír da súa rutina, coñecer novas zonas, gozar de escapadas en spas, talasos ou balnearios, facer actividades, ou vivir algunha opción romántica”, informan as responsábeis do portal web.
Como dixemos ao comezo, a actividade xerada arredor da plataforma en liña deixou claro que as Rías Baixas volven ser o destino preferido dos veraneantes: “Os turistas aproveitan para coñecer as Illas Atlánticas, visitar adegas e vilas mariñeiras, segundo os nosos datos de vendas”, sinalan dende o portal.
A Ribeira Sacra, pola súa banda, é segundo destino en importancia. Segundo contan as responsábeis de Sientegalicia.com, “este ano houbo un medre do 20% en comparación ao ano anterior”. Este interese tradúcese nun incremento das viaxes en cruceiro ou catamarán polos Canóns do Sil, das visitas ás adegas e aos miradoiros, das catas de viños e tamén dos percorridos de sendeirismo.
Os seguintes destinos máis demandados son a Mariña Lucense e a Costa da Morte. Asemade, segue a ter unha gran importancia o Camiño de Santiago, malia “non ser un destino clásico estival”, senón máis ben doutras épocas do ano. Con todo, mantense alto o número de peregrinos que queren facer o Camiño aloxándose en casas rurais, pazos e hoteis e en albergues.

PUBLICIDADE