Para axilizar a xestión de documentos electrónicos a galega Enxendra e Mobbeel unen forzas para ofrecer Signedoc, unha plataforma pioneira na sinatura de documentos a través da web con certificados electrónicos e en dispositivos móbiles asinado sobre os propios trebellos como se faría nun papel. Deste xeito preténdese facilitar a xestión de documentos para todo tipo de usuarios e empresas e dotar de validez legal os documentos asinados dixitalmente.
Signedoc conta con aplicacións móbiles para iOS e para Android, destacando esta versión da ferramenta polo feito de rexistrar os trazos biométricos da sinatura (velocidade, aceleración, presión…) que garante a identidade do asinante. Facendo uso do almacenamento na nube con Signedoc tamén afórrase tempo e diñeiro ao evitarse o envío e almacenamento de documentación en papel.
Estamos ante unha solución perfecta para asinar documentos en calquera lugar, pois tanto pode empregarse vía web no ordenador (facendo uso de sinatura electrónica en formato PAdES) como dende dispositivos móbiles, coa vantaxe que supón que Signedoc manteña a custodia dos documentos, evitando a perda dos documentos asinados e facilitando o seu acceso en calquera momento.
Esta plataforma en liña é o resultado de aglutinar os coñecementos en certificados electrónicos da compañía galega Enxendar e en sinatura biométrica de Mobbeel, facendo de xeito conxunto un servizo innovador válido para empregarse a nivel internacional.
O servizo conta con diversos plans de prezos, de xeito que pode probarse de balde para un uso ocasional, para despois contratalo coas condicións que máis de adapten ás nosas necesidades.
Vídeo promocional de Signedoc
Signedoc facilita a sinatura de documentos vía web ou a través de aplicacións móbiles
Compartir Este Artigo

