Signen mostrou tecnoloxía galega nun dos grandes eventos de blockhain: o BWS

luns, 24 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

A firma galega Signen vén de participar no evento Blockchain World Summit Londres (BWS) 2018, un dos grandes acontecementos mundiais arredor do ecosistema blockchain, a tecnoloxía de cadea de bloques que a nivel de operatividade das empresas é quen de conseguir cousas como eliminar intermediarios ou descentralizar a xestión das tarefas diarias, introducindo un extra de seguridade.
Signen foi a unha única empresa galega entre os relatores convidados ao congreso (no que se xuntan os principais innovadores, expertos e empresas do sector) que expuxeron os seus coñecementos e opinións sobre a dita tecnoloxía, nunha conferencia na que se abordou o paso do blockchain de proba de concepto á realidade empresarial.
Nos debates desenvolvidos os días 12 e 13 de setembro participou como conferenciante convidada María Bañón, directora da estratexia de seguridade de Signen (CSO).
A plataforma Signen, como lembraremos, é unha tecnoloxía impulsada por un conglomerado galego de empresas (Signen, Tecalis e Dexga) que permite asinar acordos entre dúas ou máis persoas a través de diferentes xeitos, algúns deles tan innovadores como os formatos de audio ou de vídeo. Signen que mostra importantes potencialidades para unha manchea de sectores, salienta por ser unha plataforma doada de empregar, botando man da mesma filosofía accesíbel que WeTransfer.
Segundo explica a empresa galega, o seu paso polo devandito evento londiniense coincide coa aterraxe de Signen en Los Ángeles (California), exhibindo e expoñendo os seus servizos no MWC Americas 2018, o que cómpre engadir “os éxitos colleitados este ano coas presentacións mundiais en MWC Carcelona e máis no BlockShow de Berlin”, engade. En todas estas citas, informa Signen, “mostramos aos presentes a nosa última versión do Signen KYC & eSignature, que pretendemos lanzar comercialmente axiña”. Con esta versión, Signen ten o obxectivo de poñer no mercado sistemas tecnolóxicos avanzados que “permitan que estas tecnoloxías cheguen ao conxunto de empresas e se fagan accesíbeis aos cidadáns”, axilizando os procesos mediante o uso de servizos KYC (polas súas siglas en inglés Know Your Costumer).
Máis detalles sobre Signen KYC & eSignature
É unha plataforma para evitar os procesos previos de xestión, intermediación e validación precisos até o de agora para poder levar a cabo a activación ou o alta dun produto ou servizo. O produto da empresa galega é quen de automatizar servizos que van desde realizar online á posta en marcha dun cartón prepago, pasando por solicitar un préstamo rápido ou darse de alta en calquera servizo dixital que requira dunha autenticación válida e automática. Ademais, ten capacidade para solucionar os problemas de compliance, evitando “que se leven a cabo procesos de forma incorrecta ou mediante documentos falsificados, e mellora os procesos das empresas achegando rapidez e automatización”, explican dende Signen.

PUBLICIDADE