Simyo estrea servizo de fibra a un prezo moi axustado

martes, 15 de setembro do 2020 Marcus Fernández

A competencia na fibra óptica até o fogar é cada vez maior, e agora a compañía que se suma é Simyo, cunha oferta de baixo custo na liña das tarifas móbiles da marca, permitindo tamén que o consumidor poida mudar de velocidade contratada en calquera momento, así como combinar a fibra con liñas de móbil de prepagamento ou contrato.
A tarifa de fibra máis básico de Simyo sería a de 100 Mbps por 25,99 euros/mes, mentres que para 300 Mbps habería que pagar 30,99 euros/mes, modalidades coas que confían en satisfacer á meirande parte de consumidores e, quen teña unha liña móbil de prepagamento ou contrato de 7 euros ou máis vería reducida a súa tarifa de fibra en 7 euros, ou sexa, que quedaría en 18,99 euros para 100 Mbps e 23,99 euros para 300 Mbps. Os combinados de fibra e móbil partirían de 26,49 euros/mes, o que axuda a que os consumidores que non precisan de telefonía fixa nin televisión poidan axudar o seu consumo mensual en telecomunicacións.
A fibra que ofrece Simyo é simétrica e fai uso da rede de Orange, polo que ten cobertura en boa parte do territorio nacional. A instalación da fibra de Simyo ten un custo de 120 euros, que será de balde para os usuarios que manteñan a liña 90 días, reducíndose proporcionalmente a cantidade a satisfacer en función do tempo de contratación da liña. A fibra tamén ten unha cota de alta de 15 euros, que será de balde para quen teña unha liña móbil cunha tarifa igual ou superior a 7 euros, ou sexa, que queda clara a intención de Simyo de que os seus clientes de fibra tamén o sexan de móbil.

PUBLICIDADE