SinFiltro lanza a 5ª edición do seu estudo sobre os hábitos e benestar das persoas tecnológas

xoves, 26 de xuño do 2025 S. P.

O programa de divulgación e reflexión tecnolóxica SinFiltro, centrado en ofrecer “sen filtros” experiencias reais do ámbito profesional tecnolóxico, lanzou a quinta edición do seu estudo para explorar como se coidan, que hábitos teñen e como se sente quen impulsa a transformación tecnolóxica. Trátase do estudo Hábitos, Prácticas e Benestar do tecnólogo, unha enquisa que busca explorar o lado máis humano do talento tech en España.
Nela, SinFiltro tenta responder a preguntas como que hábitos teñen os profesionais do sector tecnolóxico ou como coidan a súa saúde mental, o seu corpo e as súas relacións persoais.
A través de 12 preguntas breves, abórdanse temas como o exercicio físico, a saúde mental, a desconexión dixital, a vida social, a formación continua, o lecer cultural ou a satisfacción persoal. “Queremos saber como se senten e como viven as persoas tecnólogas, máis aló do traballo, e este estudo non busca diagnósticos, senón comprensión e visibilidade”, explican desde SinFiltro.
A enquisa é anónima, complétase en menos de 2 minutos, e está dirixida a perfís tecnolóxicos. Está dispoñible en liña para quen queira participar.
Os resultados compartiranse con medios especializados, asociacións profesionais e entidades colaboradoras, co obxectivo de xerar coñecemento útil para deseñar políticas de benestar máis humanas e sostibles no sector TIC. Ademais, presentaranse publicamente no evento SinFiltro: Cara ao Futuro e Máis A, na seu IX edición, na sede de Afundación Abanca, A Coruña.
SinFiltro é unha entidade sen ánimo de lucro auspiciada polo empresario e divulgador Marcelo Castelo que impulsa un liderado tecnolóxico máis humano, consciente e sostible. A súa misión é “dar visibilidade aos perfís clave da transformación dixital (CIO, CTO, desenvolvedores, tecnólogas) desde unha perspectiva cultural e emocional”.