Siniestro Total filma o seu novo videoclip con tecnoloxía 3D

xoves, 17 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Un intre da rodaxe achegado pola firma responsable do mesmo, 3+D Entertainment

O grupo galego Siniestro Total xa sae estes días nos buscadores se introducimos a que probablemente sexa a combinación de dúas letras máis procurada: 3D. O motivo? Pois non é outro que o inminente remate do primeiro videoclip da banda viguesa usando a dita tecnoloxía de inmersión audiovisual, rodaxe que vén da man do director Pablo Aragüés (realizador da serie de Internet Bustamante, uno de los nuestros, entre outras cousas).
En detalle, estamos a falar dunha das primeiras experiencias desta índole dentro do panorama musical estatal, tal e como se sinala estes días dende El Faro de Vigo e tal e como facía saber, onte mesmo, o propio director do proxecto, quen quixo reflectir as posibilidades expresivas da tecnoloxía, ideais para achegar unha fonda sensación de ver e escoitar un concerto en directo. Trátase polo tanto dunha “esaxeración da realidade”. De igual maneira que noutros proxectos audiovisuais que xa chegaron ás pantallas, o vídeo de Siniestro Total precisará da nosa parte que nos poñamos as lentes polarizadas que se empregan nas salas para as proxeccións dos filmes en 3D. Detrás deste proxecto atópase a empresa 3+D Entertainment, que xa está achegando completa información do mesmo no seu blog.
O videoclip resultante titúlase La paz mundial, tema que vén incluído no último traballo da banda viguesa. A previsión e estrealo cara a vindeira primavera.

PUBLICIDADE