Siri confundiu o himno de Bulgaria con Despacito

xoves, 5 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Que as intelixencias artificiais integradas nos móbiles están moi lonxe de ser realmente intelixentes é algo indubidable, e pese a utilidades moi puntuais, para moitos usuarios son simples divertimentos, aínda que nalgúns casos iso non é algo perseguido, como o que a pasada noite aconteceu co Siri de Apple, xa que en Reddit desvelaron que ao preguntarlle cal é o himno nacional de Bulgaria, o asistente da compañía da mazá en vez de responder Mila Rodino aseguraba que era o tema musical Despacito.
Esta resposta resulta cómica para moitos, pero para outros tantos creaba unha grande incógnita. Como era posible que tal confusión? Terían modificado a entrada nalgunha fonte relevante como a Wikipedia enganando así a Siri? Polo momento ninguén atopou a resposta ao enigma e Apple, que corrixiu o erro a poucas horas, non comunicou os detalles deste fallo que polo momento queda en anécdota, pero que debería facernos reflexionar sobre a fiabilidade de certas informacións que podemos atopar na Rede.

PUBLICIDADE